PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras pide responsabilidades á administración galega ante a crise da residencia de maiores do Barco

Esta formación política adianta que pedirá no Parlamento galego unha comisión de investigación relativa ás residencias de maiores galegas cando se reanude a actividade parlamentaria

O BNG de Valdeorras vén de emitir este mércores 15 de abril un comunicado referente á recente intervención por parte da Xunta de Galicia da residencia da terceira idade do Barco, tendo en conta o seu número de casos de coronavirus, e pedindo que a administración asuma responsabilidades ante esta crise.

“O acontecido nesta residencia non era para nada novo para a Xunta, xa que fora informada dela hai semanas tanto a través de familiares como do propio Sergas. A falta de liderado sanitario ante esta crise na comarca, a dependencia de decisións tomadas noutros centros e a inadecuación de materiais de protección foron factores que externamente tamén influíron na situación que hoxe vive a residencia”, asegura o BNG de Valdeorras.

Ademais, “ante unha situación de brote nun centro sociosanitario o sistema sanitario público debe valorar se este centro dispón de persoal en cantidade e cualificación axeitada, con EPIs suficientes e se está entrenado no seu uso”, matiza o BNG de Valdeorras.

Esta formación política tamén avanza que cando se reanude a actividade parlamentaria en Galicia reclamará unha comisión de investigación da situación nas residencias de maiores e, no caso de Valdeorras, os nacionalistas esixen que “se estuden as responsabilidades no sistema público e que se asuman os erros na xestión da crise na comarca”.

O BNG de Valdeorras tamén indica no seu comunicado que, “existindo no distrito un comité para o seguemento e control da pandemia, este debería estar formado por expertos elixidos polos profesionais sanitarios do distrito, e debería ser comarcal e de cercanía para axilizar a resposta e non tomar as decisións dende Ourense”.

Finalmente, o BNG reivindica “unha rede de residencias públicas” e pide que se garantan “os dereitos dos traballadores esenciais nas residencias de maiores”.

 

Artigos relacionados

Back to top button