PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras renova o seu Consello Comarcal

Roberto Quiroga será novamente o responsable comarcal marcándose como reto "reforzar a presenza do BNG nas eleccións municipais de 2023"

Roberto Quiroga, María G. Albert, Noa Fernández e Antón Rodríguez.

 

A Asemblea Comarcal do Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de rematar o proceso de renovación da dirección comarcal coa elección por unanimidade dun novo Consello Comarcal que, de novo, estará encabezado por Roberto Quiroga López, que tamén fará parte do Consello Nacional do BNG.

Quiroga, que ten unha longa traxectoria de militancia no nacionalismo e na defensa da comarca, amosou o seu agradecemento para coas compañeiras e compañeiros que o elixiron así como a súa disposición a “traballar arreo polo interese de Valdeorras”. O responsable comarcal reeleito destaca tamén a “importancia do momento político no que nos atopamos” e remarca que “a renovación do órgano comarcal fai parte do mesmo proceso asambleario que levou a reelexir a Ana Pontón como portavoz nacional do BNG”.

 

 

O renovado Consello Comarcal do BNG ten unha composición máis reducida “para facelo máis operativo” e acompañando a Quiroga estarán outras tres persoas electas directamente pola Asemblea Comarcal. Son Antón Rodríguez Prieto (vicerresponsable comarcal), Noa Fernández Gómez (responsable de finanzas) e María González Albert (responsable de organización). A eles súmanse como vogais outras tres persoas representando ás localidades: Avelino Fernández Seco, Jesús Vilasánchez Feijóo e Vítor Sierra Nieves.

O primeiro e grande reto que o novo Consello Comarcal do BNG ten ante si é “a fixación e aumento de presenza no territorio e a elaboración de equipos e candidaturas de cara ás eleccións municipais de 2023”.

Artigos relacionados

Back to top button