PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana leva a pleno unha moción para “rexeitar a actuación do xurado do Benidorm Fest”

Tanxugueiras durante a súa actuación na final do Benidorm Fest.

 

Dende o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo vén de anunciarse a presentación no pleno municipal, que se celebrará nesta tarde, dunha moción en apoio de Tanxugueiras e para rexeitar o comportamento do xurado do Benidorm Fest. “Na pasada semana celebrouse o Benidorm Fest para a elección da canción que do festival de Eurovisión. Este festival é organizado dende sempre pola canle pública do estado RTVE. Neste festival participaba o grupo Tanxugueiras, no que participa o noso veciño Jorge Álvarez como encargado do vestiario. As actuacións seguidas por millóns de telespectadores foron espectaculares, sublimes e memorábeis, sobre todo a da final celebrada o pasado sábado 29. O que pasou en Galiza con Tanxugueiras foi un fenómeno sociolóxico, xeraron unha grande sensación de orgullo e identidade”, indica no texto da moción o BNG, matizando tamén que se “mostrou e agasallou coa nosa lingua e identidade a milleiros de persoas doutras culturas e pobos. En definitiva ofreceron ao mundo o que somos”.

O concelleiro nacionalista Secundino Fernández, asinante da moción. tamén apunta que “no resto do Estado a forza, a calidade e o bo facer de Tanxugueiras tamén impresionou e fixo que fora a preferida do público”. Por outra banda, o edil nacionalista refírese na moción á actuación do xurado, indicando que a “sensación que teñen hoxe miles de galegas e galegos é que RTVE actuou de xeito parcial para excluír de Eurovisión unha canción en galego. Cada día que pasa e os datos que se van coñecendo confírmase a manipulación do xurado para impedir que “Terra” de Tanxugueiras fora ao festival de Eurovisión. Incluso os datos dados por RTVE confirman esa percepción. Se temos en conta o voto do público Tanxugueiras tivo o 70 % do voto, mentres que Chanel (a ganadora) tivo o 4 %. No voto do xurado houbo membros que lle deron a “Terra” a nota máis baixa posible co obxectivo claro que non fora a canción elixida”.

Finalmente, a moción do BNG de Viana Bolo remata propoñendo ao pleno municipal os seguintes acordos: “transmitirlle a Tanxugueiras os parabéns de Viana do Bolo pola intervención no Benidorm Fest, cunha mención especial ao noso veciño Jorge Álvarez” e “rexeitar a actuación do xurado do concurso por parcial e esixir a RTVE que anule a súa votación”, ademais de “comunicar este acordo ao Parlamento Galego, ao Congreso dos Deputados e á dirección de RTVE”.

Artigos relacionados

Back to top button