PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana presenta un recurso no Concello pedindo a nulidade do pleno da moción de censura

Os concelleiros do BNG de Viana xunto á deputada galega Noa Presas, no exterior do Concello./ Cedida.

 

O BNG vén de presentar a finais de outubro no Concello de Viana do Bolo un recurso extraordinario de revisión en contra da convocatoria do pleno da moción de censura, que se celebraba o pasado 1 de setembro no que resultaba elixido como novo alcalde Abelardo Carballo. Este recurso baséase nunha sentenza do Tribunal Supremo, Sala Terceira do Contencioso Administrativo, do 26 de outubro que determina que os concelleiros non adscritos “non poden asumir novos cargos ou retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas

“Naquel pleno os votos do PP de Andrés Montesinos e de dous tránsfugas do PSOE apartaron antidemocraticamente, e agora demóstrase que tamén ilegalmente, da alcaldía a Secundino Fernández Fernández traizoando a vontade dos veciños e veciñas de Viana do Bolo”, tal e como se sinala dende o BNG.

Ademais dende esta formación política asegúrase que a sentenza da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo indica que o pase a concelleiro non adscrito “impide que se asuman cargos ou perciban retribucións que antes non exercían ou percibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas. En base a esta sentenza, que crea xurisprudencia, Abelardo Carballo nunca podería ser candidato á alcaldía de Viana na moción de censura que se votou o pasado 1 de setembro”.

En consecuencia, o BNG rexistraba a finais de outubro no Concello de Viana un recurso extraordinario de revisión “ao considerar que con esta nova sentenza queda probado que se cometeu unha ilegalidade ao convocar un pleno para debater unha moción de censura que non cumpría cos requisitos legais para poder presentarse, e no que se adoptou un acordo tamén manifestamente ilegal, por medio do que se investiu como alcalde un concelleiro tránsfuga que pola súa condición de non adscrito non podería asumir este novo cargo”, segundo sinala esta formación política.

No BNG apúntase tamén que “só esperamos que este recurso se resolva o máis rápido posible e repoña a normalidade democrática no Concello de Viana do Bolo devolvendo á alcaldía a Secundino Fernández”.

Artigos relacionados

Back to top button