PolíticaÚltima hora

O BNG defende un Plan Retorna para reverter a marcha da mocidade galega

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, aludía a esta proposta nun encontro cos medios no campus
A cabeza de lista do BNG, no reparto realizado no campus de Ourense.
A cabeza de lista do BNG, no reparto realizado no campus de Ourense.

Ás portas do campus universitario de Ourense, a cabeza de lista do BNG pola provincia ás eleccións galegas, Noa Presas, lanzaba unha proposta para deter e reverter a marcha da mocidade fóra de Galicia. “Temos futuro, pero moito do noso futuro está fóra, nas mans de mozas e mozos que tiveron que marchar. O BNG cre que o próximo goberno da Xunta debe axudalas a volver, por iso presentamos o Plan Retorna, que é o eixo da nosa política para a mocidade”.

A través desta iniciativa “o BNG pretende crear incentivos para aquelas empresas que formalicen contratacións de mozas e mozos que retornen ao país, incrementará o investimento en I+D+i, actualmente un dos máis baixos do Estado, no 0,8% do gasto da Xunta; e facilitará o acceso a vivenda con alugueiro social e a economía social como fórmula de emprego para as mozas e mozos”, en palabras de Presas, quen tamén recordaba que a candidatura nacionalista é “moza, sensible aos problemas de desemprego e precariedade na que viven moitas mozos e mozas”.

Por outra banda, a candidata do BNG tamén aludía ao campus ourensán e apuntaba que nel deberíase fomentar o ensino do portugués, tanto por cuestións de proximidade xeográfica coma polas oportunidades de intercambiar coñecemento e aumentar as relacións coas universidades do mundo da lusofonía. E mencionaba as liñas políticas do BNG para frear a privatización do ensino e a necesidade de “reclamar a transferencia das competencias sobre a xestión das bolsas aos alumnos para aumentar a súa cuantía” e “de rebaixar as taxas universitarias, empezando por conxelas e pensando nunha rebaixa progresiva”.

Artigos relacionados

Back to top button