Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O BNG do Barco aposta por un programa social

Aseguran que “hai outra maneira de gobernar pensando nos necesitados e non nos recortes” e pensan aplicala no caso de gobernar neste concello
Manuel Agra e Jesús Vilasánchez, candidato nacionalista no Barco, na rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Manuel Agra e Jesús Vilasánchez, candidato nacionalista no Barco, na rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Tanto o goberno central como a Xunta basearon a solución á saída da crise nos recortes, uns recortes que debilitaron ou debilitan ás clases máis baixas, pero nos concellos onde goberna o BNG temos claros exemplos de insubmisión a eses recortes”. Son as palabras coas que Manuel Agra, o número tres da lista do BNG-Asembleas Abertas do Barco, abría a rolda de prensa convocada na tarde do 20 de maio na praza do Concello desta vila.

E, neste senso, citaba varios casos: “concellos como os de Riotorto, que acordou subvencionar o copagamento, ou como os de Monforte e o de Lugo, que a través da Vicepresidencia da Deputación de Lugo subvencionaron servizos sociais, ou concellos como os de Pontevedra ou o de Bueu que acordaron devolver a paga extra ao persoal público”. Son “exemplos claros”, engadía, “de como o BNG concibe a saída da crise doutra maneira distinta que non sexan os recortes”.

De seguido o candidato nacionalista á alcaldía barquense, Jesús Vilasánchez, destacaba que o programa co que se presentan ás eleccións é “é fundamentalmente un social” e que “entra en franco conflito con moitas cousas, despois desta reforma da lei das admons locais”. Así Vilasánchez enumeraba multitude de actuacións que non pode realizar un concello tras esta reforma normativa. Deste xeito unha administración local “non pode fomentar as artes escénicas, nin a innovación empresarial, nin crear infraestruturas empresariais, nin fomentar a competitividade, nin apoiar a minorías étnicas, nin entrar en políticas de emigración, nin pode promocionar a conciliación e apoio á conciliación laboral das mulleres nin pode poñer albergues xuvenís, nin servizos de atención ao turista, financiar prazas en escolas infantís, nin pode entrar en políticas de prevención do desemprego…”.

Son unha serie de medidas que “están no noso programa e que imos facer, imos entrar en todas esas dinámicas políticas que se nega aos concellos. Imos ser insubmisos nese sentido, imos traballar polo emprego, polo turismo, pola educación, polas dinamización económica… E iso ímolo facer racionando moito o gasto”, comentaba o cabeza de lista do BNG.

Artigos relacionados

Back to top button