Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG do Barco celebra as Letras Galegas con poesía e defende “outra forma de facer cultura” neste concello

Organizaba un recital no Paseo do Malecón no que, ademais, se presentaban as principais propostas nacionalistas en materia cultural para este concello

O Paseo do Malecón do Barco, xunto ás desembocadura do río Cigüeño, era o lugar escollido polo BNG para realizar na tarde do 13 de maio un acto conmemorativo das Letras Galegas, presentado por Vítor Sierra Nieves, xestor cultural e nº 9 da candidatura coa que o BNG concorre ás eleccións neste concello.

Na súa intervención Nieves sinalaba que nesta campaña electoral o BNG se está a adicar cada día a unha temática e “a de hoxe é a cultura”. Nese senso, aseguraba que “outro xeito de facer cultura é posible no Barco tendo as ideas claras” e criticaba a política cultural deste concello. “O Barco actualmente ten un goberno con claros síntomas de desgaste, o seu é o mesmo discurso de hai vinte anos, ¿que fixeron pola cultura? Nada, non teñen o mínimo interese por ela”. E apoiaba a súa argumentación nos datos: “O Barco é o único concello galego de máis de 10.000 habitantes que carece dun espazo expositivo cunha programación continua e sen unha convocatoria pública para proxectos culturais”.

Tamén defendía as propostas que o BNG leva no seu programa para desenvolver O Barco neste eido, entre elas, a elaboración dun “planeamento de política cultural a longo prazo, asentado nunhas bases e cun plan director que non se acabe nunha lexislatura e dirixido por profesionais”, así como “unha descentralización da cultura levándoa aos barrios e ás aldeas”.

Deseguido dábase paso a un recital poético coa intervención de Paulo Conde, “poeta valdeorrés de adopción”, que lía versos do seu poemario “Plutón”. Despois tomaba a palabra Sofía Carril, candidata á alcaldía de Vilamartín de Valdeorras e tamén creadora. O acto finalizaba coa intervención de Suso Vilasánchez, candidato á alcaldía do Barco.

Fotos: A.R./ Vítor Nieves (as cinco últimas da galería).

 

Artigos relacionados

Back to top button