PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco leva a pleno unha moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez./ Foto: A.R.

 

O concelleiro do BNG do Barco, Suso Vilasánchez, defenderá na sesión plenaria de mañá xoves 5 unha moción sobre a reactivación da asistencia sanitaria. No seu texto, o edil sinala que a pandemia do Covid-19 “puxo ao límite o noso sistema sanitario” e que se precisa “un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recorte”.

Así mesmo, Vilasánchez apunta que o Sergas tomou a decisión de “que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultades tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria ,como no acceso da poboación á mesma”.

O concelleiro nacionalista indica que “asumimos que o argumento para a potenciación da atención telefónica na vez da presencial está no intento de protexer á poboación da propagación dos contaxios desde as salas de espera e as consultas”, pero, pese a todo, “é preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade. É preciso dar resposta ás demandas de atención polo Covid-19, mais tamén ao resto das patoloxías”.

Neste senso, na moción nacionalista ínstase á Xunta a “realizar de inmediato todas as accións necesarias para activar a atención presencial en Atención Primaria”, a “establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria”, a “aumentar nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso”, así como a “aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25% do orzamento sanitario, no inmediato 200 millóns de euros”.

Tamén se pide a modificación do decreto que regula as áreas e os distritos sanitarios e a publicación das “listas de espera hospitalarias, xunto cun plan de choque para reducilas”.

Artigos relacionados

Back to top button