PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco pide mellorar o entorno da Casa Grande de Viloira

Neste senso vén presentar unha moción que se debatirá no pleno que a Corporación barquense celebrará o xoves

Xardín da Casa Grande no inicio do Paseo Bienvenido Miguélez en Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

 

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez Feijóo, vén de rexistrar unha moción no Concello para o seu debate na vindeira sesión plenaria, prevista para este xoves 3 de decembro, pedindo unha intervención para mellorar o entorno da Casa Grande de Viloira.

O edil expón que se trata dun edifición emblemático con 383 anos de historia, que “viu pasear polos seus xardíns a xentes da nobreza como José Quiroga e Velarde, conde de San Martiño; a escritoras como a súa filla Elena Quiroga de Abarca; a empresarios como Marcelino Suárez; ou a militares de triste recordo como Sergio Peñamaría de Llano. Un edificio que salvado da súa decandencia polos poderes públicos é agora parte patrimonial da cidadanía galega e moi especialmente das xentes do Barco e a comarca de Valdeorras, que teñen nel, a parte de servizos administrativos e técnicos da Xunta a institucións culturais e históricas ou espazos de goce nos seus xardíns e parques infantís”.

 

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, intervindo nun pleno./ Foto: A.R.

 

Así mesmo, Vilasánchez destaca o interese do seu xardín e lembra que son moitas as persoas que se deprazan dende Viloira ao Barco, ou ao revés, usando a pasarela peonil que conecta esta vila co casco antigo barquense, así como a que acode aos servizos administrativos da Casa Grande. Por iso, di, “merece unha intervención incluída no programa de melloras en asfaltados, infraestruturas e sinalizacións que o Concell do Barco vai realizar utilizando parte do seu remanente de tesourería e que será tamén unha forma de impulsar a actividade das empresas locais neste tempo de pandemia”.

Neste senso, o BNG pide realizar ao longo do 2021 “o empedrado ou pavimentación do paseo Bienvenido Miguélez, que actualmente atópase sen el, con claras sinais dos regueiros e charcos invernais que deterioran o paseo e dificultan o tránsito peonil”, así como “unha actuación de control vexetal e de arboado nos xardíns da Casa Grande” e acondicionar o coñecido como “aparcadoiro da Casa Grande e ao que se accede a través da rúa Elena Quiroga, para deixalo o maiormente posible en similares condicións ao resto dos aparcadoiros da vila”.

Artigos relacionados

Back to top button