PolíticaÚltima hora

O BNG entra na precampaña das municipais

No Consello Nacional desta formación, celebrado o 15 de setembro, ratificábanse os candidatos á alcaldía nas sete cidades galegas, entre os que está Luis Seara en Ourense

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante o último Consello Nacional desta formación política.

 

Ponse en marcha a maquinaria no BNG de cara ás eleccións locais do 2019.  A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestaba no Consello Nacional celebrado o 15 de setembro que esta formación política encara as eleccións municipais “coa tranquilidade de ter unha organización unida, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida dos e das galegas desde os concellos” e moi poucos, dixo, “poden dicir o mesmo”.

Ademais neste consello ratificábanse as candidaturas das sete cidades galegas proclamando candidatos e candidatas, a Francisco Jorquera pola Coruña, Iván Rivas por Ferrol, Goretti Sanmartín por Santiago, Rubén Arroxo por Lugo; Luis Seara por Ourense, Xavier Pérez Igrexas por Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores por Pontevedra. Pontón resaltou que todas estas persoas “non foron escollidas por ningún dedazo, senón polo resultado dun proceso asembleario onde é a militancia quen decide”.

Para a nacionalista, a fortaleza do BNG son “os nosos gobernos municipais cun proxecto propio para Galiza” e neste sentido aludiu a Pontevedra como única “cidade referente internacional cun modelo propio” porque “mellorou a calidade de vida, reduciu a mortalidade por atropelos, reduciu as emisións contaminantes, apostou polo comercio local e pola nosa cultura e identidade”, contrariamente, outras só destacan pola súa parálise, como “Ourense incapaz de aprobar os orzamentos municipais ou polo despilfarro en luces para tapar a falta dun proxecto político para esa cidade”.

No BNG, engadía Pontón, “queremos concellos que ofrezan alternativas propias, centradas na nosa realidade, que reforcen a nosa identidade e autoestima como galegas e galegos. Concellos onde o galego e a nosa cultura sexa defendida e apoiada. Queremos concellos comprometidos co público, que garantan a boa xestión da cada euro que sae do peto das cidadás, e que non despilfarren en obras megalómanas e erradiquen calquera tipo de favoritismo”.

Pontón manifestou que “o BNG está a alza e iso vai notarse nas municipais” e abriu as portas “a todas as persoas que compartan con nós a necesidade de defender Galiza, o seu dereito a decidir e construír alternativas que melloren a vida das maiorías sociais”.

Artigos relacionados

Back to top button