PolíticaÚltima hora

O BNG esixirá no novo Parlamento a ampliación de escolas infantís en Ourense

Presas adiantou que esta será unha das primeiras iniciativas que plantexará dende a provincia, algo que Pontón ve como unha medida “para fixar poboación”
Ana Pontón (esquerda) e Noa Presas, esta mañá, ante a Escola Infantil da rúa Colón. // Foto: S.F.
Ana Pontón (esquerda) e Noa Presas, esta mañá, ante a Escola Infantil da rúa Colón. // Foto: S.F.

O grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixirá na cámara galega a ampliación de escolas infantís na provincia de Ourense. Así o anunciou esta mañá a próxima deputada nacionalista ourensá, Noa Presas, que, acompañada da parlamentaria Ana Pontón, lembrou que esta foi xa unha das “denuncias” que reivindicou a formación política durante a campaña electoral. Deste xeito, esta petición será “unha das primeiras iniciativas que presentaremos dende o grupo parlamentar”, dixo, destacando tamén o dato de 105 familias que quedaron este ano sen praza entre a Escola Infantil da rúa Colón e a de Barrocás.

“Só temos dúas escolas infantís”, apuntou Presas, que recordou que na época das Galescolas estaban programadas cinco en oito anos e, sen embargo, “o goberno de Núñez Feijóo foi incapaz de ampliar a dotación”. Di que o BNG non entende “esa cerrazón” aos servizos sociais nunha cidade “onde os salarios son tan baixos” e asegura non comprender “como pretenden fomentar a natalidade, sen apoiar medidas tan básicas para a conciliación”. A respecto disto tamén destacou que Ourense é a provincia na que as mulleres cobran menos ca os homes, “un 19%”, segundo a nacionalista.

Pola súa banda, a parlamentaria Ana Pontón incidiu na importancia de demandar medidas coma esta ante a “cobertura deficiente de servizos públicos” e incidiu en que esixirán “unha aposta real” para incrementar o número de escolas infantís pedindo, ademais, que se integren en Educación, “para que non sexa un recurso exclusivo da conciliación”. En definitiva, trátase dunha iniciativa que Pontón ve como medida para “fixar poboación” e apostar polo “reequilibrio territorial e social”.

O Parlamento galego electo nas pasadas urnas do 25S aínda está sen constituír, mais Pontón destacou que o BNG quere “empezar a traballar xa” para estar listos a partires do vindeiro 21 de outubro, data prevista para a constitución da cámara galega na nova lexislatura.

Artigos relacionados

Back to top button