PolíticaÚltima hora

O BNG insta á Xunta a “actuar ante a doenza que está a afectar aos castiñeiros da montaña ourensá”

Os nacionalistas presentan iniciativas no Parlamento para paliar as perdas

 

Nas últimas semanas estendeuse a incerteza no sector da castaña ante unha doenza que está a afectar aos castiñeiros provocando perdas en lugares como Valdeorras, Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita ou Vilariño de Conso.

Preocupada pola situación que están a vivir os produtores na zona oriental da provincia, a deputada do BNG María G. Albert desprazábase na xornada deste xoves 28 de outubro ata o concello de Viana do Bolo onde, acompañada do grupo municipal do BNG encabezado por Secundino Fernández, visitaba varios soutos afectados en distintas parroquias e lugares do municipio.

Alí, Albert subliñou que “o que vai un par de semanas era incerteza transformouse nunha dura realidade que deixará a campaña de castaña deste ano terribelmente diezmada e converteu o 2021 nun ano moi complicado para os profesionais do sector”.

 

Castiñeiro enfermo.

 

Este mal está a provocar que as árbores se poñan marróns e que os ourizos non se desenvolvesen de xeito correcto. De feitom desde algunhas organizacións agrarias tense sinalado que a situación pode provocar a perda de ata o 70% da produción nun ano no que, ata vai pouco máis dun mes, todo parecía presaxiar unha campaña boa e de calidade.

“A produción de castañas é unha actividade fundamental para a economía da montaña ourensá; zona de alta produción pois os ingresos que xera repercuten directamente noutros sectores e son vitais para a dinamización socioeconómica desas zonas. Ademais de constituír un complemento indispensable para as rendas das pequenas explotacións gandeiras; cuxa rendabilidade se verá seriamente afectada no caso de confirmarse os malos resultados previstos para a colleita xa en marcha”, asegura a deputada, adiantando que  ante os problemas que esta nova doenza está a provocar nas zonas produtoras da montaña ourensá “a Consellaría de Medio Rural ten de tomar a iniciativa para obter unha diagnose clara e achegar posibles tratamentos”.

En relación con esta cuestión o grupo do Bloque Nacionalista Galego ten presentado unha batería de iniciativas no Parlamento reclamando a acción rápida e eficiente do departamento de Medio Rural para analizar o problema, buscar posíbeis solucións e tratamentos e emprender todas as accións precisas para aliviar as perdas dun sector estratéxico para a provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button