PolíticaÚltima hora

O BNG logra o acordo do Parlamento para que as obras nas marxes do río Xares respecten a lexislación ambiental e patrimonial

A iniciativa defendida pola deputada María G. Albert inclúe a imposición de sancións no caso de que a actuación en tres núcleos da Veiga non cumpra coa normativa legal

A deputada do BNG María G. Albert, na intervención desta mañá no Parlamento galego.

 

Na sesión plenaria celebrada na mañá deste venres 26 de marzo, o BNG acadaba o acordo do Parlamento para instar á Xunta a “adoptar as medidas pertinentes para que as obras de execución do proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños no concello da Veiga se axusten á lexislación vixente en materia patrimonial e ambiental e, en caso de non ser así, impoñer as sancións pertinentes”.

Na defensa da proposición non de lei nacionalista, a deputada ruesa María G. Albert advertiu que un proxecto que debía servir para reacondicionar e mellorar os pontóns e pontes tradicionais preexistentes converteuse na práctica “nun megaproxecto que substituía estes pasos por pontes de formigón que, no caso específico de Xares, multiplica por 10 o tamaño do paso inicial e afecta a directamente a varios elementos patrimoniais”.

Albert recalcou que, segundo se autorizou no estudo de avaliación ambiental, o menos lesivo era substituír pequenos pontóns de madeira por grandes infraestruturas en formigón o que, segundo denunciou, trouxo como consecuencia catro obras “que afectan a distintos elementos patrimoniais, ata un total de 10, incluíndo edificios relixiosos, núcleos de interese etnográfico, elementos arqueolóxicos, castros, mámoas e ata reitorais”. Logo de apuntar ao xacemento arqueolóxico da Eirexa como o máis afectado, lembrou que os núcleos afectados están incluídos dentro do catálogo da Rede Natura, “o que invitaría a ser o máis cautelosos e rigorosos posible nun proxecto desta envergadura e deste impacto”, afeou.

A deputada nacionalista recriminou que logo da renuncia da empresa adxudicataria á execución das obras pola imposibilidade técnica do proxecto e a conseguinte elaboración dun novo proxecto modificado, “as obras continúen paradas a día de hoxe xa que, entre outras cousas, quedou deserto o concurso convocado para a asistencia técnica de control dos traballos”.

Artigos relacionados

Back to top button