PolíticaÚltima hora

O BNG logra o respaldo da asemblea da ALE para pedir que Galicia forme parte do corredor atlántico

Para a portavoz nacionalista Ana Pontón a exclusición de Galicia desta rede é “un hándicap moi importante para o desenvolvemento da nosa economía e para a súa modernización”

Ana Pontón durante a súa intervención na asemblea da ALE.

No marco da celebración da asemblea da Alianza Libre Europea (ALE),o BNG lograba hoxe, 14 de abril, o respaldo para que Galicia forme parte do corredor atlántico das redes transeuropeas de transporte e así se lle demandará á Unión Europea e ao Estado español. Decidiuno así a asemblea despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendese a importancia estratéxica de que os portos galegos teñan conexión cos portos máis importantes de Europa.

Para Ana Pontón a exclusión de Galicia desta rede supón “un disparate” e prodúcese despois de que o propio goberno español se comprometera “xustamente a facer o contrario”. Considerou que esta discriminación é “un hándicap moi importante para o desenvolvemento da nosa economía e para a súa modernización”.

Dese xeito, nun primeiro punto da declaración aprobada, a ALE denuncia a exclusión de Galicia como nación atlántica en virtude dunha “decisión política tomada polo goberno español que implica o incremento da posición periférica de Galicia e que discrimina as nosas infraestruturas en relación co resto de Europa”.

Nesta liña, a ALE esíxelle tanto á Unión Europea como ao Estado español que rectifiquen esta decisión “canto antes”. Para acadalo trasládalle esta demanda ás institucións europeas e á Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, ao Arco Atlántico e á Comisión de Transporte do Parlamento Europeo.

Artigos relacionados

Back to top button