PolíticaÚltima hora

O BNG logra un acordo no Parlamento galego para reabrir a base do helicóptero de Vilanova

A súa deputada por Ourense, Noa Presas, presentaba unha proposición non de lei sobre este tema na Comisión 2ª da Cámara galega e conseguía sacala adiante tras aceptar unha emenda do PP

 

A deputada nacionalista Noa Presas, intervindo na Comisión do Parlamento.

 

A deputada do BNG, Noa Presas, vén de presentar na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos celebrada na mañá do 14 de xuño, unha proposición non de lei para pedir que o Parlamento galego inste á Xunta “a rectificar a súa decisión de retirar o helicóptero de incendios do Barco de Valdeorras da base de Vilanova e xestionar o seu mantemento en condicións axeitadas de funcionamento”. Apelou ao grave risco de incendios nos diferentes concellos da comarca polo que volveu a reclamar un servizo “permanente dotado dos medios necesarios”.

Ademais pediu un informe sobre as condicións e actuacións levadas a cabo na base de Vilanova para garantir a súa operatividade. O informe, dixo, será enviado e presentado tanto aos traballadores dos dispositivos de prevención e extinción de incendios como á comisión correspondente do Parlamento Galego. A deputada acusou ao PP de demostrar “cero interese pola comarca de Valdeorras” e lembrou que estamos a vivir unha primavera “fría e húmida pero advertiu que esta situación cambiará nuns días coa chegada do calor” e que o goberno “non pode mirar para outro lado, ten que tomar nota do que aconteceu o ano pasado coa vaga de lumes e poñer en marcha as medidas necesarias para que esa situación non se repita”.

 

O deputado do PP Moisés Blanco durante a comisión.

 

O voceiro do PP na Comisión 2ª, Moisés Blanco, agradecía a iniciativa presentada polo BNG e sinalaba que “nunca estivo na intención da Xunta a retirada definitiva do helicóperto, nin o peche definitivo desta base do Barco” e incidía en que este é “un enclave importante no caso de actuar en incendios forestais” e que “o feito de que un helicóptero non estivese durante 24 horas alí non quere dicir que non estivese o operativo plenamente para intervir”. Ademais anunciaba que a Xunta de Galicia conta cun novo proxecto cun orzamento de 53.000 euros para facer unha “base nova con todas as condicións que se requiren” e que está en conversas cos propietarios dos terreos co fin de lograr unhas instalacións que “permitan un uso exclusivo para a base”. Neste senso, o PP presentaba unha emenda á proposición non de lei, tendo en conta estas circunstancias pero mantendo que a base se abrirá “no período máis breve posible, nesta mesma campaña”.

O BNG chegaba a un acordo co PP e a proposición non de lei saía adiante, contando tamén cos votos do PSdeG-PSOE e de En Marea.

Artigos relacionados

Back to top button