PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no Congreso que se manteñan os exames teóricos de conducir no Barco

A iniciativa inclúe tamén á petición á DXT do mantemento destas probas en Monforte de Lemos, Foz e Ferrol
As dúas deputadas do BNG non Congreso.
As dúas deputadas do BNG non Congreso.

O BNG vén de presentar no Congreso a través das deputadas Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila unha iniciativa parlamentar na que demandan á Direción Xeral de Tráfico (DXT) que dea marcha atrás na súa decisión de suprimir a realización dos exames teóricos de conducir en Foz, Monforte, Ferrol e O Barco de Valdeorras.

Rosana Pérez sinala que esta decisión da DXT está a crear unha grande preocupación entre os habitantes destas localidades, xa que lles obriga a trasladarse ás capitais das provincias para poder examinarse teoricamente do carné de conducir. Segundo a deputada nacionalista, a decisión da DXT substéntase nunha decisión a nivel estatal coa pretensión de unificar os exames en todas as sedes. “A única diferenza que había”, di, “é que os exames nas sedes da DXT se efectúan con ordenador, mentras que en Foz, Monforte, Ferrol e O Barco son en papel. Un atraso telemático que deducimos non debe ser moi difícil de subsanar”.

As deputadas do BNG poñen de manifesto que a noticia non foi ben recibida non só polas autoescolas afectadas, senón tamén polos habitantes dunhas poboacións de importantes dimensións que non entenden que teñan que trasladarse a moitos quilómetros de distanza para unhas probas deste tipo. Ademais Pérez critica que o Ministerio de Interior opte por dificultar a vida de centos de persoas. “E o máis curioso é que a medida afecte só aos exames teóricos pero non aos prácticos, o cal resulta aínda máis absurdo. Salvo que a intención futura sexa a de eliminar tamén as probas prácticas”.

As deputadas nacionalistas instan á DXT a repensar esta decisión e a dar marcha atrás xa que prexudica a miles de habitantes. “Emprazamos a Interior a pensar máis nas necesidades dos cidadáns que viven a longas distanzas de capitais e que levan décadas facendo os exames teóricos en Foz, Monforte, O Barco e Ferrol”.

Artigos relacionados

Back to top button