PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno do Barco campañas de dinamización do galego en diferentes sectores

O concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez presentará unha moción na que tamén plantexa instar á Xunta e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, durante un pleno anterior./ Foto: A.R.

 

“O proceso de normalización da lingua galega realizado até o día de hoxe por parte das administracións públicas non foi suficiente para garantir o dereito a vivir libremente na lingua propia de Galiza”, asegura o concelleiro do BNG do Barco, Suso Vilasánchez, na moción sobre a promoción da lingua galega que se debatirá no pleno municipal do vindeiro xoves 4 de xuño.

No texto da moción, o BNG tamén sinala que “a política lingüística emprendida polo actual goberno galego non vai na dirección correcta e así o desmostran os estudos diferentes estudos realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) en relación á lingua galega”. E lembra que, “froito da importancia da nosa lingua no eido internacional e os seus vínculos coa lusofonía e a lingua portuguesa, o Parlamento galego aprobou hai 6 anos a Lei 1/2014, do 24 de marzo, a chamada Lei Paz Andrade que a día de hoxe segue sen desenvolverse malia ao sentir favorábel da poboación galega”.

Neste senso, a moción presentada polo BNG no Barco pide “instar á Xunta e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero”, así como “dirixirnos á Xunta para que todos os membros do goberno galego respecten a lexislación vixente e empreguen a lingua galega en todas as súas manifestacións públicas” e para que “adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego”.

Nos acordos da moción tamén se solicita, entre outras cuestións, que o Concello do Barco promova “a realización de campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega en diferentes sectores, dándolle especial importancia á infancia e á mocidade”.

Artigos relacionados

Back to top button