PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno do Barco modificar a ordenanza da ORA para que teña en conta ás persoas que traballen nesas zonas da vila

Unha das zonas ORA no Barco.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, defenderá no pleno que a Corporación do Barco celebrará na tarde deste xoves unha moción para pedir que se teña en conta na ordenanza reguladora da ORA na vila ás “persoas traballadores de empresas ou servizos localizados en zona ORA que teñan en activo un contrato de longa duración ou similar”.

Na moción lémbrase que o Concello do Barco ten activa unha ordenanza reguladora de aparcamentos”, que se ten ido modificando co paso dos anos “polas necesidades e circunstancias xurdidas ao longo do tempo”. Neste senso, o concelleiro nacionalista sinala que “estamos pois ante un regulamento dinámico”, que no seu artigo 5º di, “entre outras cousa, que o tempo máximo para permanecer estacionado en zona ORA é de 125 minutos se se usa tícket ou parquímetro particular autorizado, agás os vehículos de residentes, que poden estacionar sen límite máximo de tempo nas súas zonas ORA respectivas de conformidade co previsto nesta ordenanza”.

 

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez./ Foto: A.R.

 

Ademais, Suso Vilasánchez explica na moción que “actualmente hai un estrato poboacional que, sen ser residentes, tampouco se poden considerar visitantes, e son os empregados e empregadas de comercios, empresas ou servizos localizados fisicamente en zona ORA, e que moitas veces por razón do seu traballo están imposibilitados a ir a renovar os tíckets. Estas persoas vense obrigadas a buscar métodos alternativos ou asumir multas non por insolidarios senón por imposibilitados. É certo que a multiplicidade contractual do noso ordenamento laboral, e a precariedade na estabilidade laboral dos traballadores faría imposible por parte do Concello dun control de persoal áxil para facilitar o seu desenvolvemento laboral a tódolos traballadores, pero non é imposible ante contratos laborais de fixeza ou longa duración”.

Nese senso, o BNG pide na moción que o Concello do Barco de Valdeorras redacte “para as bases das seguintes concesións do servizo da ORA unha modificación que conceda beneficios similares aos das persoas residentes, para as persoas traballadores de empresas ou servizos localizados en zona ORA que teñan en activo un contrato de longa duración ou similar”.

Artigos relacionados

Back to top button