PolíticaÚltima hora

“O BNG pedirá unha auditoría independente sobre a situación do Hospital Comarcal Valdeorras no Parlamento galego”

A deputada galega por Ourense, Noa Presas, xunto ao resposanble do BNG en Valdeorras, Suso Vilasánchez, amosaban a súa preocupación ante a “situación case dramática e de desmantelamento crónico da sanidade na comarca”

Nos vindeiros días o BNG presentará no Parlamento galego unha iniciativa para pedir “unha auditoría independente do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) do Barco que poña luz e taquigrafos e que desvele exactamente cantos profesionais hai dispoñibles, cal é a dotación de persoal, cal é a dotación material e cales son as regras de funcionamento”. Así o anunciaba a deputada autonómica do BNG por Ourense, Noa Presas, nunha rolda de prensa diante deste centro hospitalario na mañá do 4 de xaneiro, xunto ao responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Suso Vilasánchez.

Era precisamente Vilasánchez, que tamén forma parte da xunta de persoal do HCV, que comezaba falando para referirse á denuncia feita pública recentemente por un facultativo do hospital. “No hospital había cadros de garda falsos, é dicir, figuraba xente de garda que estaba de vacacións, e isto condicionou, ao non sabelo o persoal que estaba traballando, que algún paciente tivese que esperar moitas horas para ser desvíado a Ourense. A situación do hospital estase deteriorando demasiado e xa chega un momento no que hai que pasar a actuacións máis serias”.

Vilasánchez asegura que “agora mesmo coñecemos que os partes de garda ou non están completos ou figura xente que realmente non está de garda. Sabemos tamén que a hospitalización a domicilio, a Hospitalización a Domicilio (HADO) está pechado por falta de persoal e que hai tres internistas que abandonaron ou están cunha baixa fóra do hospital, e destes tres internistas non hai cobertos máis que un. Isto implica que para seguir mantendo as gardas e as consultas tes que pechar cousas, e así pecharon HADO”.

Ademais criticaba a falta de información sobre o número de médicos cos que conta actualmente o hospital barquense. “Nós temos unha relación de postos de traballo (RPT) deste hospital do ano 2011, que era cando estaban nos orzamentos publicados, e tiña 62 médicos. Hoxe no 2019 non sabemos cantos hai, pero o que é peor, aínda que o souberamos tampouco iamos poder comprabar nada. Tivemos acceso no ano 2017 a unha RPT deste hospital e nela encontramos vinte médicos que figuraban como tales no HCV e que estaban noutros hospitais. Queremos coñecer de verdade cal é a relación de postos de traballo deste hospital. A situación é un pouco dramática, xa é un desmantelamento crónico, se analizásemos agora mesmo que é o que se oferta, por exemplo, en servizos como traumatoloxía vemos que sae unha praza cando deberían saír dúas, nos damos conta de que se está sistemáticamente eliminando”.

Petición de explicacións no Parlamento galego

A deputada Noa Presas amosaba a súa preocupación “diante duns feitos gravísimos como que sexa un propio médico, xa non é un partido político nin un sindicato quen o denuncia, quen denuncie que houbo un falseamento dun parte de garda, iso é falsidade documental, iso é algo moi grave e pode ser a punta do iceberg ou a gota que colma o vaso de moitas máis cousas que non sabemos. Non é de recibo que se dea unha situación deste tipo, realmente estamos moi preocupados e esixiremos no Parlamento esa auditoría para que se poña luz e taquígrafos sobre que está pasando no HCV e para que se desvele tamén neste caso concreto que foi o que aconteceu, pero tamén qué tipo de recursos hai humanos e materiais hai e que se demostre se realmente se está apostan por Valdeorras ou non tal e como están denunciando tanto os doentes como os propios profesionais”.

Presas entende que “esta é unha situación que non se pode permitir, e que é froito dunha década de goberno de Núñez Feijóo onde houbo un desinvestimento e un recorte na sanidade acumulado de máis de 2.000 millóns de euros, e vemos como agora con máis capacidade económica. Fai un ano da reforma da Lei de Saúde do PP, onde se cargaban literalmente área sanitarias como a de Valdeorras e vemos que realmente se confirma o que nós advertíamos: que hai unha axenda oculta para converter este hospital do Barco nun centro de saúde grande. E nós non queremos que O Barco teña un centro de saúde grande, senón un hospital en condicións, dotado, con recursos humanos e recursos materiais e, por iso, insistiremos no Parlamento galego e onde temos representación en que isto ten que dar unha marcha atrás”.

Artigos relacionados

Back to top button