Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG pide na Rúa apoio para “seguir defendendo o noso país”

O número 2 por Ourense, Suso Vilasánchez, deu un mitin acompañado por Tareixa Paz e María G. Albert

“A mellor alternativa, non para substituír a Feijóo, senón as súas políticas nefastas para este país na Xunta de Galicia, unha alternativa real, nacida do pobo e feita para este pobo, é a do Bloque Nacionalista Galego”. Con estas palabras, remataba a ex parlamentaria Tareixa Paz a súa intervención no mitin dado na tarde do 14 de setembro na Rúa.

Acompañada pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert e polo número dous da lista do BNG-Nós por Ourense, Suso Vilasánchez, Paz expuso as razóns polas que “Feijóo será lembrado como o peor presidente da Xunta”, destacando o feito de que “non cre neste país nin nas súas potencialidades”. “Pero”, dixo Tareixa “o BNG ten solucións e alternativas a cada un dos problemas”.

Un dos problemas para os que o partido nacionalista ten alternativa é a ausencia dunha tarifa eléctrica galega. “Nós puxemos a terra, a xente o esforzo pero deberiamos podemos controlala”, dixo Vilasánchez, asegurando sentirse “orgulloso de pertencer ao BNG, un partido que saiu da terra, creceu pouco a pouco, e que leva máis de 30 anos traballando por este país pero para seguir facéndoo necesitamos estar no Parlamento, que Noa e Ana estén aí, senón imos mal”.

O número dous do Bloque Nacioanalista Galego por Ourense non falou do programa. “Ten 80 folios e podedes descargalo de Internet, pero está feito por profesionais, cada un no seu sector. Temos programa e decencia, ¿quen lle ofrece a este país algo parecido?”, dixo.

De decencia e honradez tamén falou a alcaldesa da Rúa, a nacionalista María González encargada de presentar o acto, asegurando que marcharán do Concello “coa cabeza ben alta, porque cumprimos cos nodos veciños e veciñas e con erros e acertos, fomos honrados”, dixo, facendo fincapé no que lle toca de cerca, problemas como a aula que vén de perder o CEIP Manuel Respino ou o feito de que “xente sobre a que pesan serias acusacións esté ao fronte da Deputación, da que dependen moitos servizos do Concello”, destacando ademais o despoboamento de pobos como A Rúa que nos últimos dez anos perdeu mil habitantes sen que se faga nada ao respecto.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button