PolíticaÚltima hora

O BNG pide no Congreso que se recoñeza a incapacidade total do persoal da lousa diagnosticado de silicose

O deputado Néstor Rego vén de presentar unha proposición non de lei sobre este tema, ademais de seis preguntas dirixidas ao Goberno do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

 

O deputado do BNG Néstor Rego vén de presentar no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei relativa aos coeficientes redutores para a xubilación das persoas traballadoras do sector da extracción e da transformación da pedra (granito e lousa, principalmente) e sobre o recoñecemento de incapacidade permanente se son diagnosticados de silicose. Esta iniciativa será debatida na Comisión de Traballo e Seguridade Social do Congreso.

No texto da proposición, o BNG pide que o Congreso inste ao Goberno español a “adoptar as medidas necesarias para dar solución aos problemas do sector da extracción e transformación da pedra como granito e lousa”.

Néstor Rego destaca a necesidade de recoñecer a situación de incapacidade total das persoas traballadoras neste sector que “están diagnosticadas de silicose de primeiro grao e que non poden acceder a outro posto de traballo exento de risco de exposición á inhalación de po silicótico dentro da mesma empresa”.

Ademais o deputado nacionalista indica que, segundo a regulación vixente, “a silicose de primeiro grao non se considera enfermidade profesional pola que se determine o recoñecemento dunha Incapacidade Permanente. Con todo, o traballador tampouco pode continuar traballando no seu posto, polo que debe ser trasladado a outro dentro da mesma empresa para evitar a progresión da enfermidade, é dicir, a un posto no que non exista o risco de inhalación. O que dificilmente pode suceder nunha empresa dedicada á extracción ou transformación de granito ou lousa, onde non existen postos de traballo non expostos ao po”.

Por outra banda, Rego apunta que outro problema que afecta ao sector da extracción da pedra é o do tempo de cotización necesario para o acceso á xubilación, “pois non se lles aplica aos traballadores e traballadoras ningún tipo de coeficiente redutor coma se fai na minería interior”.

Neste sentido, o BNG pide na súa propisición non de lei que o Goberno dea as instrucións necesarias “á Seguridade Social para que, mentres non se lexisle no sentido indicado, varíe o seu criterio actual para que se recoñeza o dereito á aplicación dos coeficientes redutores ás persoas traballadoras das empresas de extracción e transformación da pedra”.

Rego lembra así mesmo no texto que xa en 2009 aprobábase no Congreso dos Deputados, a instancia do BNG unha Proposición non de Lei por unanimidade na que se instaba ao goberno á asignación de coeficientes redutores da idade de xubilación aos traballadores do sector, “con todo, máis de 10 anos despois non se fixo nada neste sentido”.

Néstor Rego lembrou que nas publicacións do Instituto Nacional de Silicose “pode apreciarse claramente o aumento progresivo dos casos de silicoses en Galiza, que pasou de representar o 25,37% dos casos de silicoses do Estado para ter no 2017 o 47,5%”.

Ademais da citada proposición non de lei, Rego vén de presentar ante a Mesa do Congreso un total de seis preguntas sobre estas mesmas cuestións para a súa resposta escrita por parte do Goberno.

Artigos relacionados

Back to top button