PolíticaÚltima hora

O BNG pídelle á Deputación de Ourense un plan único de financiamento para os concellos

Facíao a través do seu deputado provincial, Bernardo Varela, que comparecía ante os medios de comunicación xunto a alcaldes e concelleiros nacionalistas

Rodeado de alcaldes, concelleiros ourensáns do BNG e pola parlamentaria galega Noa Presas, Bernardo Varela López, deputado provincial desta formación política, defendía o 18 de xullo en rolda de prensa un “plan único de financiamento aos concellos da provincia de Ourense en base a criterios obxectivos”.

Esta é unha demanda que, tal e como recordaba, xa vén facendo o BNG dende os últimos dous anos na Deputación ourensá. Segundo figura no plan presentado polo BNG, “na aprobación dos orzamentos de 2016 e 2017 plantexamos emendas á totalidade solicitando que se creara un fondo dotado cos cartos procedentes de varias partidas de cooperación e outras que consideramos superfluas, co obxectivo de repartilo entre todos os concellos segundo criterios obxectivos”.

Dende o BNG tamén se destaca que nos últimos anos “o resto das deputacións galegas veñen dando pasos para dotar de maior transparencia e obxectividade os cartos destinados á cooperación municipal. Este esforzo rematou de concretarse no presente exercicio, no cal as outras tres deputacións galegas puxeron en marcha plans de cooperación cos concellos dotados cun importante volume de fondos repartidos homoxeneamente segundo criterios que non dependen da cor política ou da afinidade do equipo de goberno”.

A proposta que defende o BNG para a provincia de Ourense é a dun “plan único de cooperación da Deputación cos concellos da provincia” con tres obxectivos principais: “dar cumprimento á verdadeira finalidade das deputacións, tal e como están concibidas na actualidade e mentres non desaparezan, de cooperación cos concellos”, “rematar coas prácticas clientelares no reparto dos recursos públicos que pasarían a distribuírse en base a criterios totalmente obxectivos beneficiando a todos por igual” e “garantir anualmente unha cantidade estábel e relevante de fondos aos concellos que poderían empregar en investimentos, emprego e benestar”.

Deste xeito, os nacionalistas consideran que se garantiría un “investimento de 30 millóns de euros nos 91 concellos da provincia en claro beneficio dos máis de 200.000 ourensáns que residen nas vilas e no rural. Esta é unha cantidade realista e abordable xa que representa, aproximadamente, un terzo do orzamento final da Deputación nos últimos dous exercicios (92 millóns de euros).

O BNG plantexa na proposta presentada que para “garantir un mínimo de recursos a todos os concellos fixaríase un financiamento base idéntico para todos, e un financiamento complementario, variábel e calculado segundo criterios obxectivos” (superficie, poboación, entidades de poboación, índice de envellecemento).

Para os nacionalistas isto permitía fixar que “cando menos unha porcentaxe deste orzamento se adicase a investimentos, emprego e benestar. Os Concellos terían total autonomía para decidir cales van a ser estes novos investimentos (obras ou subministros), tendo en conta os servizos mínimos e obrigatorios que deben prestar”. E desta maneira ademais “o conxunto das distintas programacións que ofrece actualmente a Deputación aos municipis pasarían a integrarse nun único plan, simplificando e axilizando todo o aparato burocrático actual adicado a tramitar e xestionar centos de pequenas subvencións”.

O documento tamén inclúe unha táboa de reparto por concello, cun mínimo de 150.000 euros euros e un máximo de 650.000 euros.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button