Política

O BNG pon en marcha unha campaña contra o “tarifazo” na factura da luz

Realizaranse accións por toda Galicia e tamén “presentaremos mocións en todos os concellos galegos con representación do BNG”, adiantan

 

Noa Presas e Bieito Lobeira, na presentación da campaña.

Denunciar “á estafa que os galegos e galegas pagamos pola factura da luz”. Este é, en palabras do BNG, o obxectivo da campaña “Che paréceche normal?” contra o “tarifazo da luz” que esta formación nacionalista vén de presentar e que se levará a cabo con diferentes actos nos concellos galegos.

Esta iniciativa presentábana o 5 de outubro a portavoz de Industria do BNG, Noa Presas, e o responsable da área de Organización, Bieito Lobeira. Para o BNG este aumento na tarifa responde a decisións políticas do Goberno central e da Xunta. Para Presas “ser un país produtor e vítima do espolio enerxético das eléctricas non nos libra da suba xeral da electricidade, cun incremento na última década do 80 por centro e un 9% no último ano”. Un verdadeiro “calote”, dixo, que a agrava unha situación na que os galegos/as perciben os salarios e pensións máis baixas do estado.

A ademais a deputada ourensá do BNG denunciaba que “pagamos o IVE máis alto de toda Europa” e lembraba que foi o Partido popular con Rajoy, á cabeza, “o que modificou a contía, pasando do 18% ao 21%. E agora, o denominado goberno de cambio de Sánchez continúa negándose a reducilo. Neste sentido, dende o BNG, propoñemos que a luz eléctrica, como ben básico, non soporte un IVE tan alto polo que reclamamos a súa redución ao 4%.

A parlamentaria tamén se referiu á nova medida do goberno pola que os galegos “pagaremos a factura máis alta de todo o estado, a pesar de sermos exportadores de electricidade”. O Goberno central, explicou “está ultimando o recargo dos suplementos territoriais e de 111 M€ que serán recadados en todo o estado, Galiza deberá abonar 38M€. Madrid, que non produce electricidade e vive da que nos producimos só pagará 2 millóns de euros. Isto non é normal nin é xusto porque temos un país inzado de encores que no están a reverter para Galiza ningún beneficio”.

Presas insistiu na necesidade de “ reducir o IVE ao 4%, que Galiza non sexa incluída na orde do Goberno central sobre os suplementos territoriais e unha tarifa eléctrica galega que beneficie ao noso país polo seu papel produtor”.

 

Outro dos momentos do acto.

 

A campaña

Pola súa parte, o responsable da Área de Organización do BNG, Bieito Lobeira avanzou que a campaña, que comeza hoxe, busca dar a coñecer as razóns de fondo polas que en Galicia se paga o recibo da luz máis caro do Estado español. Nela incluiranse actos públicos explicativos abertos a toda sociedade nas cidades e vilas de toda Galicia. Ademais, distribuírase diverso material de cartelería, folletos, vídeos, mensaxes nas redes sociais, autocolantes pero sobre, insistiu Lobeira, “presentaremos mocións en todos os concellos galegos con representación do BNG. A campaña tamén contará coa instalacións de mesas para recoller sinaturas contra un problema que non ten unha raíz dialéctica partidaria, porque afecta a toda a sociedade e debemos enfrontarnos a el para que non se agrave máis”.

Artigos relacionados

Back to top button