PolíticaÚltima hora

O BNG pregunta no Parlamento galego sobre o sucedido na Oficina Agraria Comarcal do Barco

O grupo parlamentario nacionalista vén de presentar unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 7ª da Cámara galega

 

Exterior da Casa Grande de Viloira (O Barco), onde está a sede da Oficina Agraria Comarcal do Barco.

 

O grupo parlamentario do BNG, a través dos seus deputados María González Albert, Carmen Aira Díaz e Xosé Luis Rivas Cruz, vén de presentar na Cámara galega unha pregunta para resposta oral na Comisión 7ª, sobre os sucesos acontecidos na Oficina Agraria Comarcal (OAC) do Barco de Valdeorras.

Na exposición de motivos da pregunta os parlamentarios asinantes indican que na semana do 13 de xuño de 2022 a Casa Grande de Viloira (O Barco), que acolle “a sede de distintas oficinas e servizos dependentes tanto da Xunta de Galicia como do Goberno central, vivíu unha situación inédita coa intervención da Oficina Agraria Comarcal ante posíbeis irregularidades”. Tamén din os deputados nacionalistas que “un par de días despois deste feito atopámonos coa información en medios de que a Consellería do Medio Rural acordou suspender provisionalmente a dous funcionarios interinos desta oficina. Unha decisión, segundo as informacións en prensa, tomada a raíz dunha denuncia recibida na Xunta de Galiza na que se aludía a “presuntas incidencias detectadas na tramitación de varios expedientes administrativos”, uns trámites nos que terían participado os citados funcionarios”.

 

A deputada valdeorresa do BNG, María Albert./ Cedida.

 

Os parlamentarios nacionalistas sinalan tamén no texto presentado na Cámara galega que este “feito sen precedentes ten causado estupor na comarca e tamén unha certa inquedanza ante a situación na que se atopan os expedientes e trámites que estaban a ser xestionados desde esa oficina polo que desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que é importante que a Xunta de Galiza clarifique a situación ante os usuarios e usuarias do servizo e ante o conxunto da opinión pública. Ao tempo, ten de tomar medidas áxiles para que, no entanto esas dúas persoas se atopan suspendidas a Oficina Comarcal do Barco e independentemente do que poida acontecer despois, durante este tempo de suspensión estea garantido o servizo e o correcto funcionamento da OAC coa incorporación de máis persoal”.

Finalmente plantexan ás seguintes preguntas para resposta oral na Comisión 7ª do Parlamento galego: “Como explican o acontecido na Oficina Agraria Comarcal do Barco de Valdeorras?-Que indicios detectaron para tomar a decisión de suspender temporalmente a dúas persoas que traballan nesa OAC?-En que punto se atopan as investigacións ?-Existe unha única denuncia ou estamos a falar de denuncias reiteradas?-De que tipo?”.

Artigos relacionados

Back to top button