PolíticaÚltima hora

O BNG presenta as súas candidaturas por Ourense ás eleccións xerais

A lista ao Congreso pola provincia está encabezada por Francisco García, ex alcalde de Allariz

 

“Con ilusión” e “con ganas de contribuír a que a Galiza teña voz propia e a posibilidade de defender os seus intereses no Congreso e no Senado” preséntase o BNG ás vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro. “Dende Ourense tamén queremos contribuír a ese cambio”, resaltaba o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Francisco García (anterior rexedor de Allariz), no acto de presentación das candidaturas ourensás a estes comicios na cidade das Burgas nesta mañá de 17 de outubro.

García amosábase “moi orgulloso” de liderar a candidatura nacionalista en Ourense, “unha lista que recolle un compendio de experiencia e tamén de xuventude, un compendio das comarcas representativas da provincia, con persoas que levamos a Galiza na cabeza e no corazón e que queremos aportar unha proposta construtiva ao desencanto, á desilusión, ao cabreo que moita xente ten por esta situación de crise no Estado, de falta de expectativas e de entendemento, que levan a esta nova convocatoria electoral”.

 

Francisco García, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense.

 

 

Para Francisco García “o bipartidismo ten sido unha das causas fundamentais da situación de atraso e de decadencia que ten Ourense, unha provincia con múltiples recursos e potencialidades, pero as políticas que se están practicando estana levando ao envellecemento, á caída demográfica, a falta de perspectivas e a estar nunha situación de emerxencia nacional como temos tamén no resto de Galiza”.

Fronte a isto, o BNG propón nesta campaña “un programa pensado para os problemas propios da nosa circunscrición, para que poder ser abordados e romper así dinámicas actuais”, indicaba o cabeza de lista ao Congreso, que tamén agradecía “a incorporación de representantes de Compromiso por Galicia nesta candidatura ourensá, o que fai máis visible que sexamos unha candidatura de país, que aspira a poñer voz e a colocar a Galiza no mapa estatal no que ten estado desaparecida”.

Neste acto de presentación, que abría o concelleiro ourensán do BNG, Luis Seara, contábase coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen comezaba a súa intervención asegurando que esta precampaña “deixa en evidencia a inutilidade e incompetencia das forzas políticas estatais, que son incapaces de poñerse dacordo que nos demostran por enésima vez que están máis preocupadas polos seus egos e intereses partidistas que por poñer solucións aos problemas da cidadanía”.

Pontón cualificaba de “forte, potente e solvente a candidatura que o BNG presenta na provincia de Ourense, con persoas de dilatada traxectoria e que teñen demostrado a súa implicación en diversos ámbitos sociais e acreditado o seu compromiso con Galiza”. Insistía tamén en que o BNG “está sumando apoios” e agradecía que outras forzas “como é o caso de Compromiso por Galicia, apoien á candidatura do BNG”.

Para a portavoz nacional do BNG  “temos a oportunidade de converter estas eleccións nun gran paso adiante para Galiza”, que “perde cando non está o BNG no Congreso como forza política que ten as mans libres para defender os intereses de Galiza en Madrid”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Candidaturas do BNG por Ourense

Congreso

Senado

Artigos relacionados

Back to top button