Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG presenta no Barco a súa lista por Ourense ás eleccións galegas

Da candidatura forman parte dous valdeorreses, Suso Vilasánchez que vai de número dous e Sofía Carril, número nove

“Imos intentar chegar a todas as cabeceiras de comarca para superar a histórica marxinación que sofre a nosa provincia, para trasladar o noso proxecto ata os sitios máis pequenos”. Eran as primeiras palabras de Noa Presas, cabeza de lista do BNG-Nós Candidatura Galega por Ourense nas vindeiras eleccións galegas do 25 de setembro, no Barco, ao final da presentación da candidatura que tiña lugar na tarde do 18 de agosto. Como escenario escollían as beiras do río Sil, no Paseo do Malecón. Esta é o segundo acto deste tipo que se fai na provincia, tras o da cidade de cidade de Ourense.

O turno de intervencións encetábao Vítor Nieves, concelleiro do BNG no Barco na anterior lexislatura municipal, quen subliñaba que as do 25 de setembro “son unhas eleccións cruciais para o noso país. O BNG está onde sempre estivo para defender os intereses do noso país”. De seguido, tomaba a palabra o coordinador do BNG no Barco, Manuel Agra, quen lembrada uns versos do poeta valdeorrés Florencio Gurriarán que poñía en relación cos candidatos e pedía “colaboración, esforzo, traballo e ilusión” para poder levar aos membros da candidatura ao Parlamento galego.

Tamén falaba a número nove da lista, a vilamartinesa Sofía Carril, resaltando que a “única candidatura coherente co que di de todas as que se presentan é a do BNG, que vén de colocar a unha muller como candidata á presidencia da Xunta”. E, a continuación, interviña o número de dous da lista, Suso Vilasánchez, veciño do Barco de Valdeorras e que se presentaba como “un enfermeiro con máis de trinta anos de profesión, vinte deles no Hospital Comarcal Valdeorras”. Explicaba que detrás da súa candidatura está “unha organización seria e de país” e lembraba o labor realizado polo BNG en Valdeorras na defensa dos emigrantes retornados e dos preferentistas, así como no eido da sanidade. “Cun traballo calado presentamos ducias de denuncias para evitar o desmantelamento da sanidade ourensá e valdeorresa”, dicía.

O acto completábase coa cabeza de lista pola provincia, Noa Presas, quen puxo en valor a candidatura ourensá, “elaborada desde o asemblearismo e representativa das diferentes comarcas da provincia e dos sectores e movementos sociais que defende o BNG, desde a mocidade á sanidade pasando polo ensino, o mundo do traballo, o rural e a representación do incansábel traballo do nacionalismo nas entidades locais para mellorar a vida da veciñanza” e animaba aos veciños/as de Valdeorras a “escoitar as propostas do BNG e confiar en nós porque garantía de combater a desertización de Ourense con alternativas de igualdade, traballo e dignidade”.

Presas aseguraba asemade que “estamos fartos de ver como lideramos as estatísticas negativas e estamos á cola das positivas, temos os mesmos dereitos que calquera outro territorio e iso é froito das políticas aplicadas nas últimas décadas”. Nese senso, apuntaba que as “propostas políticas do nacionalismo teñen que ver con mellorar as condicións de vida das persoas”.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button