PolíticaÚltima hora

O BNG propón axudas directas da Xunta ao sector do viño para paliar a crise do Covid-19

A formación nacionalista tamén plantexa "un plan de actuación a curto e medio prazo que o potencie de xeito estable"

Noa Presas, membro da executiva nacional do BNG, nunha imaxe de arquivo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O BNG considera necesarias medidas de choque inminentes e directas da Xunta de Galicia para paliar a crise da COVID-19 no sector vitivinícola galego, así como un plan de actuación a curto e medio prazo que o potencie de xeito estable.

A representante da executiva nacional do BNG, a ourensá Noa Presas, vén de manter unha teleconferencia, acompañada dos parlamentarios Luis Bará e Xosé Luis Rivas “Mini”, con representantes da Asociación Galega de Viticultura. Presas comprometeuse a “volver poñer o rural no centro da política galega como un sector económico estratéxico na Galiza”.

Ademais, Presas escoitou a situación do sector  e apuntou que o viño ten un grande potencial dentro do rural galego, mais recoñeceu que nestes momentos “está a ser golpeado duramente pola crise da COVID-19 ademais de pola guerra comercial cos Estados Unidos, así como por outros problemas estruturais, polos cambios na reforma da PAC ou a entrada de capital estranxeiro nas Denominacións de Orixe galegas”.

Fronte a esta situación, o nacionalista comprometeuse a ser altofalante das necesidades e demandas do sector vitivinícola e do rural galego en todos os ámbitos e administracións, así como a elaborar un programa de medidas que levar adiante tras as eleccións do mes de xullo, unha vez se produza o cambio galego no executivo do país. Noa Presas defendeu a necesaria intervención da Xunta de Galiza, criticando que nestes momentos estea de perfil, “índose de rositas e non afrontando a súa responsabilidade ”

A representante do BNG reclamou a intervención pública directa por parte da Xunta, con axudas ao sector para o mantemento do emprego, axudas de financiamento e exencións fiscais. Presas tamén subliñou que a partir de aí é preciso abrir un proceso de diálogo a través das mesas do viño das distintas denominación de orixe na que participen produtores, adegas e a distribución para artellar un plan de actuación estratéxico do viño galego, tendo en conta que en setembro vén unha próxima colleita e vanse acumular os problemas.

Dentro das propostas dese plan estratéxico citou nomeadamente “as campañas de promoción dos viños nos mercados próximos, que segundo destacou van ser determinantes no futuro máis inmediato, e tamén retrasar a certificación das colleitas, e aprobar contratos homologados con prezos mínimos para o viño”.

Insistiu en que para o BNG o sector rural é “un sector absolutamente estratéxico para a Galiza do presente e do futuro. Demostramos no pasado que fomos capaces dende o goberno da Xunta de facer unha auténtica política para o rural galego e agora é tempo de que teñamos nas nosas rendas a capacidade de decidir nestas cuestións e, dende o Goberno galego, a través de políticas nacionalistas, apostar polo rural, o desenvolvemento do sector agrogandeiro galego e polo desenvolvemento dun sector que ten que ter moito máis potencial como é o sector do viño”, concluíu Presas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button