PolíticaÚltima hora

O BNG propón suspender a pegada de cartaces na provincia en solidariedade cos afectados polo lume

Este partido anuncia que non colará na provincia de Ourense os carteis da candidatura nesta primeira noite de campaña

A cabeza do lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas, Noa Presas.
A cabeza do lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas, Noa Presas.

Como mostra de solidariedade coa veciñanza dos concellos afectados pola vaga de lumes e respecto polo traballo dos profesionais do servizo de extinción que seguen traballando, o BNG vén de facer público un comunicado no que insta “ás demais forzas políticas que se presentan por Ourense a suspender en toda a provincia as pegadas de carteis nesta noite electoral”.

Dende a formación nacionalista sinálase que “o mínimo que podemos facer as forzas políticas diante dunha catástrofe sen comparación nos últimos anos é facer este xesto e pasado o 25 de setembro, malia as diferenzas na análise e nas solucións, chegar a puntos de acordo para que non volte acontecer”.

“Van máis de 6.000 hectáreas queimadas en diferentes concellos da provincia, houbo desaloxos de aldeas e demostrouse que o modelo de loita contra o lume é insuficiente e require cambios profundos”, di Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense.

Neste senso, o BNG anuncia que non colará na provincia de Ourense os carteis da candidatura nesta primeira noite de campaña, “quedan 15 días para confrontar posicións e alternativas, non podemos comezar hoxe como se nada disto estivera pasando e non vísemos o fume que invade todo”, aseguran.

Artigos relacionados

Back to top button