Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG reúnese na Rúa co colectivo de emigrantes retornados

O cabeza de lista nacionalista ao Congreso por Ourense, Francisco García e a parlamentaria Noa Presas, atenderon as demandas dos asistentes

 

A problemática dos emigrantes retornados e as pensións, é un tema que sempre preocupou ao BNG, apoiando dende hai anos ao colectivo nas súas demandas. A situación non mellorou no último ano, por iso, ás portas das eleccións que se celebrarán o vindeiro día 10 de novembro, decidían manter unha xuntanza informativa na Rúa.

Ata alí se desprazaban na tarde do 28 de outubro Francisco García, ex alcalde de Allariz e cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, e Noa Presas, parlamentaria do BNG no Parlamento de Galicia. Acompañados por membros do Bloque en Valdeorras (os concelleiros na Rúa María G. Albert e Avelino Fernández, e no Barco Jesús Vilasánchez, ademais de Roberto Quiroga, suplente nas listas ao Senado), reuníanse na sala multiusos do Concello rues, con membros da plataforma valdeorresa.

Trala presentación por parte de María Albert, Noa Presas asegurou que manteñen a súa “enorme preocupación” polos casos de discriminación concreta cos retornados, e a situación en xeral dos pensionistas galegos, “especialmente os de Ourense coas pensións máis baixas dentro de Galicia e as segundas máis baixas se as comparamos coas do resto do Estado”. Unha situación “totalmente inxusta”, segundo Presas, que en moitos casos vén derivada de ter traballado no campo e non lograr despois o recoñecemento que merecían.

 

Francisco García, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense.

 

Presas incidiu na preocupación do BNG polas consecuencias dos meses de parálise dende o Goberno Central, especialmente “sobre que vai pasar en xaneiro sobre a revalorización das pensións que nós entendemos que sería inadmisible que non se acometera porque é de xustiza”. A parlamentaria lembrou aos asistentes que nesta lexislatura “tratamos reiteradamente no Parlamento Galego a cuestión dos emigrantes retornados, especialmente das dificultades que está habendo sobre as pensións de invalidez e as consecuencias de que non haxa un marco común europeo que implique que existe un grao de discapacidade recoñecido en Alemaña ou Suíza haxa unha táboa de equivalencias no Estado español. Tamén seguimos sen entender que non haxa unha reforma legal para todo o tema do IRPF e unha revisión da lei 35/2006 e día a día, teña que ir cada persoa de forma individual a ganar o pleito nos tribunais”.

Por todo isto aproveitaron a ocasión para presentar ao candidato nacionalista ao Congreso. “Pensamos que sería determinante que unha voz como a de Francisco García puidera defender os intereses dos emigrantes galegos retornados. Estivemos dende o principio na loita convosco e hoxe revalidamos ese compromiso”. Un dato que ratificaba o propio candidato felicitando ao colectivo de emigrantes retornados “que ten sido capaz de poñer a súa problemática, non só a nivel individual senón colectivo, en primeiro plano”.

García asegurou que hai que “aproveitar esta nova oportunidade para que haxa unha voz galega que nos represente e leve a nosa problemática diante do Goberno, e sen dúbida a emigración e as súas consecuencias, entre elas as pensións, é un problema que atinxe a moita xente”. Comprometidos co colectivo e máis alá de “aspectos de asesoramento e apoio para calquera cuestión está a idea de que ninguén nos vaia atender ou axudar se non estamos alí”, sentenciou dando paso ás demandas e intercambio de experiencias entre os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button