PolíticaÚltima hora

O BNG Valdeorras pon en marcha a campaña en defensa do comercio de proximidade e dos produtos galegos

Os nacionalistas defenden a recuperación das feiras e "volver mercarlle ao veciño o que el produce" para o desenvolvemento rural

 

Dende o Bloque Nacionalista Galego “cremos no noso país e cremos que é capaz de producir para autoabastecerse, algo que non se produce agora mesmo. Por iso cremos que o desenvolvemento rural pasa por recuperar o comercio de proximidade, por volver ás feiras, por volver mercarlle ao veciño o que el produce (economía circular) e volver a esa calidade que agora está perdida en mans das grandes superficies comerciais”. Así de rotundo se manifestaba o voceiro do grupo nacionalista no Concello do Barco, Jesús Vilasánchez, na presentación da campaña en defensa do comercio de proximidade e dos produtos galegos que o BNG Valdeorras facía na mañá deste 7 de decembro, a piques de comezar o Nadal. Un acto ao que tamén asistían o responsable comarcal, Roberto Quiroga e a deputada, María G. Albert.

Tal como adiantaron, a campaña que porán en marcha xa, desenvolverase coa pegada dunha serie de material, e tamén reparto de carteis en establecementos e pequenos comercios de toda a comarca. “Intentamos que sexa o máis ampla posible e teremos reunións tanto co CCA como con AEVA que son as únicas asociacións comerciais que temos a día de hoxe funcionando na comarca e faremos un percorrido sobre todo polas vilas do Barco, A Rúa, Vilamartín, Petín e incluso o Bolo”, explicou a deputada, incidindo en que “o que persegue a campaña é fomentar o consumo de produtos locais e galegos sobre todo”.

 

Roberto Quiroga, María G. Albert e Jesús Vilasánchez, na presentación da campaña.

 

A ese respecto, Albert explicou que o pequeno comercio, o comercio de proximidade, “é un sector que leva anos padecendo unha crise constante polas novas formas de consumo, non só a través das grandes superficies senón pola venda a través de Interntet”. Un problema que se ten visto agudizado este ano pola situación da pandemia que obrigou a pechar os comercios durante moito tempo e que fomentou, por unha banda a compra online e por outra, no que ten que ver con alimentación, “a compra en grandes superficies, que foi a aposta tanto do goberno central coma do goberno galego como centros de consumo. Aquí apostouse polos supermercados nomeadamente e abandonáronse formas de comercio tradicionais como feiras e mercados que a día de hoxe en concellos como A Rúa aínda está pechado”, dixo, destacando que o BNG entende que hai que recuperar a venda de artigos de produción propia (horta, ovos,…) así como o pequeno comercio local “no que ten que ver con outros produtos como o viño de Valdeorras e as carnes de calidade que temos na comarca”.

A campaña que os nacionalistas van poñer en marcha vai unida a varias iniciativas no Parlamento Galego, como unha nova regulación dos horarios de apertura do comercio; promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos; impulsar unha marca de produtos da horta galega; a recuperación dos mercados locais; ou a oposición á instalación de novas grandes superficies de capital transnacional. “Son as grandes liñas desta campaña que imos presentar en formato de enmenda aos orzamentos que se veñen de aprobar provisionalmente, detraendo diñeiro doutas partidas para axudas directas ao pequeno comercio que sabemos que o está pasando realmente mal”, concluía María G. Albert.

 

Artigos relacionados

Back to top button