Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O BNG valdeorrés defende unha rede de transporte comarcal

Os cabezas de lista deste partido na Rúa, O Barco, Vilamartín e Rubiá avogan por mellorar as conexións da comarca por tren e autobús
Rolda de prensa do BNG de Valdeorras na estación de autobuses do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.
Rolda de prensa do BNG de Valdeorras na estación de autobuses do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Non é posible un desenvolvemento do rural nin unha política de fixamento poboacional se non se procura o acceso aos servizos básicos de forma doada. Neste tempo de crise o desenvolvemento do rural é un tema prioritario para as comarcas periféricas e da Galicia interior, entón queremos remarcar que de ter responsabilidade de goberno en Valdeorras imos crear unha rede pública de transporte urbán que conecte os núcleos rurais coas poboacións, coas vilas, e, sobre todo, coa do Barco”. Así o destacaba o cabeza de lista no Barco do BNG-Asembleas Abertas, Jesús Vilasánchez, nunha rolda de prensa conxunta cos candidatos nacionalistas na Rúa, Vilamartín e Rubiá, que tiña como escenario a estación de autobuses barquense.

Nesta convocatoria poñían de manifesto a mala situación no transporte público tanto en autobús como en tren dentro da comarca, pero tamén entre a comarca e Galicia e co resto de España. “É un problema conxunto dos transportes públicos de Valdeorras, estamos moi mal comunicados, é un problema non só a nivel de uso persoal, senón que tamén é unha eiva económica importante porque o feito de estar mal comunicados supón un problema á hora do desenvolvemento económico”, apuntaba María González, líder da candidatura do BNG na Rúa. Lembraba que só existen dúas estacións de buses na comarca, unha no Barco e outra na Rúa, e que nesta última non hai nin persoal que informe dos horarios nin paneis.

Neste encontro cos medios participaban os cabezas de lista do BNG no Barco, A Rúa, Vilamartín e Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.
Neste encontro cos medios participaban os cabezas de lista do BNG no Barco, A Rúa, Vilamartín e Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

Pola súa banda, Antón Rodríguez, candidato á alcaldía de Vilamartín polo BNG, afondaba nas conexións por ferrocarril en Valdeorras, criticando o escaso número de trens, os horarios e os prezos. “Non é un transporte público, é un transporte aberto ao público”, comentaba.

Finalmente, Ramón Núñez, cabeza de lista do BNG en Rubiá, referíase ao limitado das comunicacións por bus neste concello valdeorrés, sinalando tamén as deficiencias das súas estradas. “¿Ter un bo acceso para a xente maior non é revivir o rural?”, preguntábase.

Artigos relacionados

Back to top button