CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

O bo ambiente volveu reinar no terceiro día do SilFest Valdeorras 2019

Unha pedida de matrimonio, un dos momentos máis especiais enriba do escenario na noite do sábado

O grupo Airline, con integrantes valdeorreses, abría ás 19:30h. os concertos da tarde deste terceiro día de SilFest Valdeorras. A hora fixo que no mesmo lugar se concentraran bañistas, kayaks e asistentes desfrutando do concerto. Así, entre toallas, bañadores e música comezou a tarde do sábado 7 de xullo na praia fluvial de O Barco.

Era o turno dos vigueses Kings Of The Beach, onde a súa enerxía animou á xente a bailar, dende maiores aos máis pequenos. O vocalista e baixista, Yago Guirado, cunha característica correa arcoiris, fixo alusión a un futuro que era de todos e rematou baixando a cantar e bailar ao céspede, mentres o público lle seguía.

 

Os vigueses Kings Of The Beach.

 

The Morgans puxeron o toque berciano a esta cita. Coa súa actuación ía caendo o sol, mentres os asistentes, vaso en man, bailaban e desfrutaban das últimas horas da tarde. O vocalista pediu un aplauso para o festival e remataron a súa actuación.

O pop e os anos oitenta inundaron a beira do río Sil con Chelsea Boots. A noite caía mentres os catro integrantes do grupo madrileño traían alegría e bo rollo ao SilFest. Non perderon a oportunidade de loar o entorno.

Tras o parón para cear, chegou o prato forte da noite e do festival: Shinova. O seu vocalista, Gabriel de la Rosa, atreveuse co galego en numerosas ocasións, o que fixo que a abarrotada praia fluvial do Malecón se animase cada vez máis. “É a nosa primeira vez en Ourense, pero xa nos sentimos en casa”, recoñecía de la Rosa. Ían soando cancións como “En el otro extremo” ou “Volver” cando se produciu o momento máis especial da noite: unha pedida de matrimonio sobre o escenario. Así, as luces vermellas inundaron o ambiente mentres soaba “Qué casualidad”. Así, fixeron agradecementos ao público e á organización e remataron con “A treinta metros” e a aclamación do público.

 

Momento da pedida de man no concerto de Shinova.

 

Amatria foi o encargado de traer unha música máis bailable, o que se fixo notar sobre todo na parte de adiante do público. Era a 1:45h da madrugada e os asistentes estaban moi animados. Así, Joni Antequera, o creador deste proxecto, recoñeceu que estaba encantado de estar no entorno valdeorrés.

A festa chegou ao seu máximo esplendor con Economato DJs, os encargados de pechar este SilFest Valdeorras 2019. O dúo comezaba a súa actuación pinchando “La mujer de verde” de Izal e cunhas características bandas na cabeza, animaron ao público cunha mestura de estilos, dende música indie a clásicos españois como Estopa, Camela ou La oreja de Van Gogh. Parte do público subiuse ao escenario para despedir esta cuarta edición do festival, que non defraudou.

 

O público enriba do escenario con Economato DJs.

Texto e fotos: Alba Prada

Artigos relacionados

Back to top button