En portadaÚltima hora

O Bolo prepárase para unha nova edición da Festa da Vitela

O xantar popular celébrase o Sábado Santo (31 de marzo) ás 14h. no pavillón deportivo
Asistentes á pasada edición da Festa da Vitela. /Foto: Carlos G. Hervella.

A gastronomía das terras de O Bolo, sobre todo as carnes e o viño, serán un ano máis os protagonistas no mediodía do Sábado Santo.

Pechando o mes, a Festa da Vitela, que este ano cumpre once edicións celebrarase o 31 de marzo. Tanto a data como o lugar, o pavillón polideportivo situado na zona escolar do pobo, quedaban fixadas xa dende a orixe desta celebración hai máis dunha década, cando o alcalde Manuel Corzo decidía organizar unha cita popular para poñer de manifesto a calidade da carne de tenreira, elixindo unha data na que puderan achegarse veciños da contorna e tamñén os que durante o ano viven fóra de Galicia. Nese momento quedaba fixado o menú: sopa de fideos de primeiro e un bo prato de carne (vitela ao caldeiro, chourizo, androlla e lacón cocidos) con garavanzos e cachelos de segundo, ademais de roscón, café, augardente, pan e viño. Coma sempre os ingredientes, dende a carne ata o pan, o postre e o viño, son cen por cen do municipio bolés.

Para amenizar tan completo banquete, que comezará en torno ás dúas da tarde, a charanga Nova Terras de Trives porá o punto musical e marcará o comezo e o final do xantar.

 

O prato central do menú está formado por vitela, patacas, garavanzos e tamén carne de porco./ Foto: Carlos G. Hervella.

As entradas, á venda no bar Pote de O Bolo; no bar Murias de Cambela; no restaurante A Lareira da Rúa; e no restaurante Fernando III do Barco de Valdeorras manteñen o mesmo prezo das últimas edicións, 15 euros, e inclúen a cunca e un vaso de barro co nome e a edición da festa gastronómica.

Máis información no Especial Semana Santa do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button