ConcellosO BarcoÚltima hora

O Bolo proxecta unha actuación integral na contorna do Santuario das Ermitas

Así llo plantexaba o seu alcalde á conselleira de Medio Ambiente, cuxo departamento analizará as posibilidades de colaborar neste proxecto

O alcalde do Bolo, Manuel Corzo, na reunión mantida hoxe coa conselleira de Medio Ambiente.

 

O Concello do Bolo e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizarán as posibilidades de colaborar nun proxecto municipal para poñer en valor o Santuario de Nosa Señora das Ermitas. Así o acordaron esta mañá a titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, e o alcalde bolés Manuel Corzo no transcurso dunha reunión durante a que tamén abordaron outros asuntos de interese municipal en materia de residuos, medio ambiente e urbanismo.

En concreto, o rexedor trasladoulle o interese do concello en acometer unha actuación integral na contorna do santuario que contribúa á súa posta en valor e a desenvolver o potencial desta zona valdeorresa. O santuario está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e considerado un dos máis representativos da comunidade.

Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que o proxecto podería encaixar na liña dos obxectivos que se marca o chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 co fin de apoiar economicamente ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Mellorar a recollida selectiva do municipio e crear rutas de sendeirismo

Por outra banda, a conselleira e alcalde tamén acordaron estudar as posibilidades de colaboración entre ambas administracións co fin de mellorar a recollida selectiva e a reciclaxe no municipio. Neste sentido, Corzo amosou o seu interese polas axudas que nos últimos dous anos convocou a consellería para a instalación de puntos limpos móbiles destinados ao depósito, entre outros materiais, de electrodomésticos, fluorescentes, plásticos…

Finalmente, o rexedor tamén informou á conselleira dun proxecto no que traballa xa o Concello para a creación e o acondicionamento de varias rutas de sendeirismo e de enoturismo co obxectivo de atraer novos visitantes ao municipio.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close