A TeixeiraConcellosManzanedaO BoloVilariño de Conso

O Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e A Teixeira rexeitan a redución dos servizos bancarios nestes municipios

Os catro Concellos veñen de emitir un comunicado sinalando que este tipo de medidas contribúe "notablemente ao illamento das nosas zonas e a aumentar as desigualdades co resto de municipios"

Cola de usuarios no exterior dunha entidade bancaria en Manzaneda.

 

Os Concellos do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e A Teixeira veñen de emitir un comunicado conxunto para manifestar o seu “total desacordo coa redución dos días de servizo de Abanca nos nosos concellos”.

No escrito, asinado polos catro rexedores, sinálase que estes municipios contan cunha poboación “moi envellecida que necesita que o servizo bancario sexa presencial xa que, na súa maioría, os veciños non teñen acceso ás novas tecnoloxías nin coñecemento algún sobre elas”.

Ademais consideran que “esta decisión de retirada definitiva ou redución de servizos contribúe notablemente ao illamento das nosas zonas e aumentar desigualdades co resto de concellos da contorna e a vernos máis inmersos na ESPAÑA VACIADA. Ademais do alto custo económico que vai ter para os usuarios que teñan que desprazarse a outros concellos para poder facer os trámites que necesiten na súa entidade bancaria, cando a maioría da nosa poboación ten poucos recursos económicos”.

Así mesmo, os alcaldes do Bolo, Manzaneda, A Teixeira e a alcaldesa de Vilariño de Conso aseguran no seu escrito que “a utilización dunha emerxencia sanitaria da magnitude que estamos a sufrir para tomar este tipo de decisións, que teñen un fin empresarial e de maximización de beneficios, vai en contra da seguridade dos seus usuarios, que corren un maior risco debido ás aglomeracións que se producen nas entradas dos establecementos pola redución do servizo”.

Ademais dende estes catro concellos consideran “mal pagada” con estas actuacións “a fidelidade durante tantos anos da inmensa maioría da nosa poboación coa súa entidade, sen ter, cando menos, un diálogo cos alcaldes para buscar a solución de menor impacto para os usuarios”.

Artigos relacionados

Back to top button