EconomíaEconomíaÚltima hora

O Bono Turístico da Xunta poderá solicitarse a partir de mañá, 28 de xullo

Os beneficiarios recibirán unha tarxeta con 250€ para utilizar nos establecementos e produtos adscritos ao proxecto

Mesas e cadeiras recollidas nunha das zonas de terrazas do Barco. / Foto: A.R.

 

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a apertura do prazo de solicitude do Bono Turístico da Xunta de Galicia, que poderá pedirse dende mañá, 28 de xullo, ata o vindeiro 30 de novembro. Esta iniciativa foi impulsada polo Clúster de Turismo de Galicia e está dotada con 5 millóns de euros que irán destinados a inxectar liquidez na industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación económica ante a situación de crise sanitaria.

A iniciativa chegará a preto de 20.000 empregados dos sectores sanitario e sociosanitario que traballaron en primeira liña contra o coronavirus. Aquelas persoas beneficiadas recibirán unha tarxeta de Abanca con 250€ que poderán utilizar nos establecementos, axencias de viaxes e produtos turísticos adheridos a este programa ata o 13 de decembro. A oferta incluída pódese consultar na web de Turismo de Galicia e está baseada nalgúns dos principais valores do modelo turístico galego como son a enogastronomía, a paisaxe ou o termalismo.

Os interesados poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica e a concesión realizarase por orde inscrición ata esgotar o crédito correspondente. Unha vez que a persoa resulte beneficiaria do Bono Turístico e cando Abanca reciba a confirmación dos adxudicatarios, procederáse á estampación da tarxeta, que se enviará nun prazo máximo de sete días hábiles.

O Bono Turístico forma parte do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, aprobado no Consello da Xunta o pasado 30 de abril cunha dotación de 58 millóns de euros para, entre outros aspectos, apoiar o tecido empresarial no escenario pos-covid.

 

Artigos relacionados

Back to top button