En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O botelo do Barco protagoniza a derradeira xornada de Xantar

Tras o acto de clausura, numerosas persoas acudían unha degustación deste saboroso embutido ofrecida polo Concello do Barco

Logo de cinco días de viaxe polos produtos e cultura gastronómica de diferentes puntos da xeografía galega e española, así como doutros países como Portugal e Panamá, pero sen saír de Ourense, o 18º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, celebraba a súa clausura ás 13h. do domingo 5 de febreiro.

Neste acto, que tiña como escenario a zona da entrada do recinto de Expourense, interviñan ademais os representantes dos municipios aos que se lles dedicaba esta última xornada da mostra: O Barco de Valdeorras, Maceda, Sober, Arnoia, Vila de Cruces e Montalegre (Portugal) e ás Illas Azores. Contábase asemade coa presenza da delegada territorial da Xunta na provincia, co alcalde de Ourense e co presidente do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, entre outras autoridades.

Así alcaldes ourensáns como o de Maceda, incidían na importancia de promover que os visitantes se acheguen ata os concellos da Galicia interior, algo que compartía tamén o rexedor do Barco e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García.

Despois da clausura, tiñan lugar unha serie de degustacións de produtos nos stands dos concellos, mentres que O Barco (que contaba asemade cun expositor no certame), nunha sala máis ampla, ofrecía unha concurrida degustación do seu produto estrela: o botelo, cuxa festa gastronómica (declarada de interese turístico galego) se celebraba cun notable éxito de participación o pasado 21 de xaneiro.

O botelo, preparado polo tamén barquense Carlos Parra do restaurante do Castelo de Maceda, servíase acompañado de viño da Denominación de Orixe Valdeorras. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, que ofrecía tamén unha degustación de viño da D.O. Ribeira Sacra, compartía tamén co rexedor barquense este tinto galego.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button