EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O branco Pazo Lalón (Ribeiro) e o tinto O Prómine Singular (Ribeira Sacra), mellores viños de Galicia

O acto de entrega destes galardóns tiña lugar esta mañá en Santiago

Entrega do Acio de Ouro ao mellor branco de Galicia.

 

“Pazo Lalón”, da adega Pazo Lalón S.L. (da Denominación de Orixe Ribeiro) na categoría de brancos e “O Prómine Singular”, de adegas Petrón S.L. (DO Ribeira Sacra) na categoría de tintos veñen de recibir os Acios de ouro como mellores viños de Galicia nas “Catas de Galicia 2020”.

O acto de entrega de premios, que tiña lugar esta mañá na Cidade da Cultura, estaba presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, quen aseguraba que este recoñecido certame permite promocionar, identificar e premiar a tradición, o esforzo e dedicación de adegueiros e augardenteiros. Así, felicitou a todos os participantes e, en especial, aos gañadores por elevar os viños galegos ao máximo prestixio, primando a súa calidade e dándose a coñecer polo mundo enteiro.

No acto de entrega, no que tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, o conselleiro agradeceu o compromiso deste sector tan estratéxico para Galicia que, ano tras ano, se consolida como unha aposta segura para o futuro do rural galego. Neste senso, cabe destacar que na nosa comunidade unen esforzos máis de 13.400 viticultores e 479 bodegas, capaces de xerar un valor económico anual que supera os 200 millóns de euros.

 

Entrega do Acio de Ouro ao mellor tinto de Galicia.

 

Ademais no acto dábanse a coñecer os gañadores das catas de augardentes e licores tradicionais. O resto de galardóns entregáronse de xeito individualizado nas sedes dos consellos reguladores das cinco denominacións de orixe vitivinícolas debido ás medidas sanitarias polo Covid-19.

Proceso de cata a cegas

Cómpre lembrar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días -entre o 26 e 30 de outubro- por un total de 21 expertos, 14 deles encargados de valorar os viños e outros sete encomendados para as augardentes e licores tradicionais. Así, tras a criba inicial, este panel de profesionais tivo que escoller entre 348 mostras de tintos e brancos pertencentes a 143 adegas e entre outras 25 de augardente, licor de herbas ou licor café correspondentes a oito empresas galegas.

Ademais, no que atinxe aos viños, recolléronse e identificáronse as botellas participantes nas súas respectivas bodegas, envolvéndoas en material opaco e introducíndoas posteriormente nunha caixa selada para garantir que as catas fosen totalmente a cegas. Así, só quedaba visible o nome da categoría na que participaban e se se trataba de viño branco ou tinto. Con respecto ás augardentes e aos licores tradicionais, recolléronse as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, para que tamén resultase imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button