EconomíaEconomíaÚltima hora

O Bravo Lux da Rúa recibe ao cociñeiro Luis Bastardo, “O Sushiman” do Barco de Valdeorras

Fachada do Bravo Lux, na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Café Bar Bravo Lux, situado na Rúa, abre as súas portas ao cociñeiro profesional de orixe venezolana Luis Bastardo Santaella, coñecido no Barco de Valdeorras e os seus arredores como “O Sushiman”.

Así a partir de mañá, venres 2 de xullo, a cociña do Bravo Lux contará cun novo cociñeiro, tal como informou Javier Ferrer Domínguez, dono do establecemento hostaleiro, que ademais está moi compracido de contar coa presenza de Luís. “Sempre é bo innovar e reinventarse para mellorar e seguir crecendo como profesionais da hostalería”, expresou Ferrer, asegurando que Bastardo, quen é egresado da Escola de Artes Culinarias de Caracas, “continuará deleitando os padais da zona e áreas contiguas, non só cos seus exquisitos rolls de sushi senón con outros pratos porque Valdeorras merece gozar desta nova experiencia gastronómica”.

Tal como explica o propio Ferrer, o chef, caracterizado por ser un profesional integral, estivo na cociña desde moi pequeno porque a súa avoa ensináballe e contaba segredos culinarios, sendo o propio cociñeiro quen conta que herdou dela moitas das técnicas que utiliza actualmente. “Nos mellores momentos da miña infancia estivo a miña avoa Carmen Elena, ensinándome na cociña do noso fogar. Ela foi unha gran inspiración ademais dos meus pais que cociñan delicioso”.

Santaella ten máis de dez anos traballando en cociña porque comezou a traballar mentres cursaba estudos de cociña, gústalle aprender cousas novas e reinventarse cada día. “Fun axudante de cociña en varios restaurantes de Caracas, logo viaxei a Inglaterra onde continuei preparándome como profesional, despois volvín a Venezuela coa miña esposa e fillo maior a seguir traballando e hai 19 meses cheguei a España con metas e soños que xa se materializaron grazas a deus e ás nosas ganas de saír adiante”, explica.

Actualmente Bastardo e Ferrer teñen moitas ideas por desenvolver, sempre co propósito de mellorar constantemente, traballar en equipo e impulsar a hostalería nestes tempos tan difíciles para o mundo.

Artigos relacionados

Back to top button