OurenseÚltima hora

O Bus do Viño do Ribeiro percorrerá seis itinerarios entre o 19 de xullo e o 22 de setembro

Esta iniciativa foi posta en marcha grazas ao convenio plurianual entre o xeodestino O Ribeiro-Carballiño e A Xunta coa colaboración do C.R.D.O Ribeiro
Presentación do Bus do Viño do Ribeiro en Ourense.

“Os xeodestinos permítennos coordinar actividades entre territorios próximos en beneficio dos nosos cidadáns e dos nosos turistas. Este Bus do Viño do Ribeiro é un bo exemplo”, aseguraba a directora de Turismo de Galicia Nava Castro, na presentación dunha nova edición desta iniciativa posta en marcha grazas ao convenio plurianual asinado entre o Goberno galego e o xeodestino O Ribeiro-Carballiño, coa colaboración do C.R.D.O Ribeiro. Os seus presidentes, así como diversos rexedores e representantes municipais e provinciais, estiveron presentes tamén na rolda de prensa na cidade das Burgas xunto ao alcalde Jesús Vázquez.

Neste contexto, a directora puxo en valor que Ourense fora o destino onde máis medrara o turismo nos cinco primeiros meses do ano, “paso importante na consecución dos obxectivos de desestacionalización”. En concreto, o número de turistas nesta provincia medrou un 10% entre xaneiro e maio, cun 5,3% máis de noites. Tamén se referiu ao auxe do turismo rural, cun 26% máis de aloxados, e ao feito de contar cun 4,5% máis de viaxeiros internacionais, segundo os datos da Xunta.

Con saídas programadas entre o 19 de xullo e o 22 de setembro, o Bus do Viño do Ribeiro percorrerá seis itinerarios que inclúen visitas a diferentes adegas e recursos do patrimonio da comarca como o Castro de San Cibrao da Las, o casco histórico de Ribadavia, Santa María de Castrelo de Miño, o Mosteiro de San Clodio, en Leiro ou á area termal de Barbantes, entre outros. Varias das visitas contarán con teatralizacións.

“O enoturismo contribúe á especialización da oferta e a desestacionalización da demanda e, ademais, é un elemento que complementa a outros segmentos como o turismo cultural e de natureza, o termalismo ou o turismo rural, claves no Ribeiro e na provincia de Ourense”, manifestou Nava Castro na súa intervención no Centro de Interpretación das Burgas.

Artigos relacionados

Back to top button