DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco comeza en Calabagueiros a pretempada 2018/2019

A presentación do equipo contou coa presenza de xogadores, directivos, corpo técnico e algúns afeccionados

O sábado 28 de xullo ás 20h. disputarase no campo de Calabagueiros o primeiro partido da pretempada para o C.D. Barco. Será contra o Bembibre e suporá o primeiro control de nivel para o equipo perfilado para esta tempada que conta con moitas novidades. A principal, o corpo técnico ao fronte do cal se puxo o berciano Manolo Pérez con Barba como segundo, completando o equipo Nando, José e Nefi (preparador físico).

A outra novidade son as oito incorporacións: Santiago Núñez, Toni, Íker, Pablo Rubio, Borja Gil, Tabala, Andoni e Barragán (Issam está a proba), ademais dos xuvenís que tamén xogarán minutos no primeiro equipo (Garrido, Adrián, Suízo e Brais). E xunto a eles míticos xa do conxunto barquense como Tato, Ramos, Kiko, Javier Rodríguez, Omar, Rubén García, Santi Real, Ivi e David Álvarez que conforman o equipo co que intentarán “polo menos igualar” a boa tempada do ano pasado cando as lesións na recta final afastaron ao conxunto vermello dos postos de promoción.

Así o explicaba o presidente do club Daniel Ramos, Nilo, na presentación oficial do equipo que tiña lugar na tarde do 23 de xullo contando coa presenza dalgúns afeccionados e tamén do alcalde do Barco de Valdeorras Alfredo García. No acto, previo á primeira sesión de adestramento da tempada, o presidente desexoulles moita sorte a todos para afrontar unha nova campaña en terceira división “probablemente das máis fortes en todo o campionato nacional na que non nos van regalar nada”. O alcalde, pola súa banda, deu á benvida “aos que veñen de fóra e ides defender as cores do Barco por primeira vez”, felicitando e agradecendo o esforzo que fan os responsables da directiva porque “sen eles nada disto sería posible”. A todos os xogadores asegurolles que “representades unhas cores e unha camiseta e iso significa representar a todo un pobo que confía en vos e ten a esperanza de repetir a tempada do ano pasado que de non ser polas lesións tería sido perfecta, e mellorala se é posible”.

Despois do Bembibre, o Barco medirase á Ponferradina o 1 de agosto (20h.) e ao Virgen del Camino “Memorial Miguel Fariñas” o 10 de agosto, en Calabaguerios. E xa a domicilio xogarán nos campos do Ponferradina B (4 de agosto), do Lemos (15 de agosto) e do Bembibre (18 de agosto), completando o calendario de amigables antes do comezo de tempada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button