DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco comeza unha nova etapa con Manolo Pérez e Barba ao fronte do corpo técnico

Na presentación, o presidente do club, Nilo, adiantaba a baixa de Cristóbal

Apenas unhas semanas despois de rematar a tempada 2017/2018 no sétimo posto da clasificación en terceira división e trala despedida de Javier Rey, o C.D. Barco comezaba un novo e ilusionante proxecto. E facíao con cambios no corpo técnico.

O novo adestrador do equipo sénior barquense, Manolo Pérez e o seu segundo, Barba, eran presentados na tarde do 7 de xuño nas oficinas do club, en Calabagueiros. No acto, o presidente Daniel Ramos, Nilo, aseguraba que se abre unha nova etapa “con xente nova e con ilusión, á que lle desexamos a mellor das sortes aínda que non o terán fácil porque a terceira división do vindeiro ano será moi competitiva. Queda moito traballo por facer”, dixo.

O berciano Manolo Pérez, toda unha institución no fútbol base da Ponferradina que nos últimos anos dirixiu ao equipo da liga nacional xuvenil, asegurou estar “agradecido ao club por terme elixido e darme a oportunidade de encabezar este proxecto como adestrador”, engadindo que tamén se sinte “responsable” pola traxectoria ascendente do equipo nos últimos anos. “O noso principal obxectivo é que haxa continuidade na progresión e intentaremos traballar para que así sexa”. Para iso o que farán “é propoñer unha idea de xogo e desenvolvela. O equipo xogará ben se con esa idea de xogo é capaz de ganar partidos e a partires de aí se o equipo xoga ben e gana partidos, clasificatoriamente veremos se somos capaces de levalo máis arriba e intentar superar a clasificación e os números do ano pasado”.

Con respecto ao grupo no que competirán na vindeira tempada “a priori xa que aínda quedan moitas cousas por definir, pódese dicir que hai equipos con moita capacidade que seguramente busquen obxectivos ambiciosos. No nos caso e con toda a humildade do mundo, veremos ata onde somos capaces de chegar. Ao final o traballo e rendemento de cada equipo acabará poñéndoo no seu sitio”, dixo Manolo. E para iso esperan manter ao maior número de xogadores posibles. “Se facemos unha valoración do que fixo o plantel o ano pasado xunto co adestrador e o resto do corpo, dende o meu punto de vista a tempada foi sobresaínte, aínda que ao final o equipo non tivo os resultados nos últimos meses que probablemente merecese, porque tiveron varias lesións graves e iso condicionou bastante o resultado final en canto á táboa”, asegurou o novo míster. A ese respecto, o presidente do club adiantou que “Cristóbal non vai seguir connosco por motivos familiares”.

O segundo de a bordo, Barba, cunha longa traxectoria no fútbol e no club barquense, asegurou estar tamén “moi agradecido ao club por confiar en min xa que esta é a miña casa deportiva”, poñéndose “a disposición de Manolo para axudarlle tanto a el como ao club. Estou disposto para todo e con moita ilusión neste proxecto”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button