DeportesÚltima hora

O C.D. Barco convida aos cativos do oriente ourensán e Quiroga ao partido deste domingo

O club barquense repartirá tres mil entradas para ver o partido ante a U.D. Somozas en Calabagueiros

Un ano máis o Centro de Deportes Barco convida aos cativos ao fútbol. No marco da campaña “Escola de valores” coa que pretenden fomentar o deportte entre os máis pequenos, repartirán tres mil entradas entre os nenos de todo o oriente ourensán para asistir ao partido de terceira división que se xogará deste domingo 25 de marzo en Calabagueiros ante a UD Somozas. Comezaron cos nenos do Barco, despois convidaron aos da Rúa e resto Valdeorras e Viana e este ano farano tamén cos de Trives, Quiroga e Castro Caldelas. Así o adiantaba o presidente do club barquense, Daniel Ramos, na presentación da iniciativa que tiña lugar na tarde do 20 de marzo acompañado polo concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso e a presidenta do CCA O Barco, Sandra Moldes, entidades colaboradoras.

Tal como explicou o presidente do club vermello e azul, o obxectivo é potenciar ao máximo o fútbol nos partidos que quedan por xogar en casa que serán “verdadeiras finais” e para iso convidan aos nenos e pais que os acompañen. “O que queremos é que haxa un bo ambiente ante un gran equipo como é o Somozas. Buscabamos un partido atraínte e só esperamos que o tempo nos acompañe”. Dende os colexios da Veiga e Trives xa confirmaron a súa aistencia.

O partido comezará ás cinco da tarde e no descanso sortearase unha camiseta do RC Celta de Vigo asinada por todos os xogadores e outra asinada por Iago Aspas.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button