DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco remata a primeira volta da liga vencendo ao Ourense C.F. en Calabagueiros

Co 1-0 no marcador concluía o primeiro derbi do ano disputado na tarde do 12 de xaneiro o campo barquense

 

Cunha importante vitoria, pola mínima e rozando o final do encontro, comezaba o ano no campo de Calabagueiros o equipo sénior do Centro de Deportes Barco.

Cunha boa entrada, aínda que as bancadas non estaban cheas, na tarde do 12 de xaneiro o campo de fútbol barquense acollía o primeiro derbi do ano entre o C.D. Barco (terceiro clasificado) e o Ourense C.F. (segundo). O partido co que ámbolos dous equipos ourensáns remataban a primeira volta da liga en terceira división, que se decantaba de lado dos locais.

 

 

Foi un encontro marcado pola tensión nas bancadas con constantes protestas á arbitraxe, que remataba a primeira metade co empate a ceros despois dun par de ocasións por parte de ambos planteis. Na segunda metade, tralo paso polo vestiario, repetíase a tónica sen que ningún chegase a puntuar, destacando a boa actuación dos porteiros, ata que xa no minuto 90, rozando o final do encontro, Juanito Bazo marcaba para O Barco, que suma tres puntos de ouro. O colexiado amosou seis cartóns amarelos: un para O Barco e cinco para o Ourense (Sergio Barcia era expulsado ao recibir dúas).

Malia o traspés da pasada semana ante o Choco (perdía 5-0) e as baixas, O Barco segue dando a talla manténdose no terceiro posto da clasificación. A seguinte cita será outro derbi, desta volta co C.D. Arenteiro, de novo en casa.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button