DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco reparte entre os cativos do club o álbume de cromos oficial da tempada

O evento tiña lugar no Campiño de Viloira na tarde do 17 de abril

Nun acto multitudinario pero sinxelo celebrado no Campiño de Viloira, o Centro de Deportes Barco presentaba o álbume de cromos oficial da tempada 2017/2018, unha iniciativa que comezaba o ano pasado, pensada como “un bonito recordo dos nosos fillos e compañeiros para o futuro, que servirá para lembrar as anécdotas vividas”, en palabras do presidente do club Daniel Ramos.

Antes da hora prevista o campo era xa un fervedoiro de xente (cativos, nais, pais, avos, adestradores, xogadores,…) e pasadas as 8 da tarde do 17 de abril, o propio Nilo daba a benvida aos asistentes. Igual que o ano pasado o álbume, personalizado para cada neno, conta con cromos a cor da directiva, adestradores e xogadores, tanto do primeiro equipo como de todas as categorías do club, incluídas as escolas. Ademais, este ano como novidade os cromos teñen premio. “Dentro de cada pack haberá agasallos, como mochilas, balóns, bolsas de praia,… ademais dos sorteos entre os que completen o álbume”, explicou Nilo, puntualizando que o obxectivo do club “non é recadar cartos, senón que todo o mundo poida completar o libro dun xeito sinxelo”. Por iso idearon un novo sistema, poñendo á venda packs (a 20 euros) con 22 sobres que conteñen cromos sen repetir “máis ou menos a metade da colección”.

O acto, contou asemade coa presenza do concelleiro Jesús Jares, que leva vinculado ao club barquense dende o ano 1980, e asegurou que o Concello do Barco están “moi contentos co club e co labor da directiva” animando aos pais a seguir apoiándoos xa que vai en beneficio dos cativos.

Tralas intervencións e sen dilación algúns dos xogadores do equipo sénior (Pepelu, Cassio, Argos, Tato, Peli, Mitogo e Rubén García, entre outros), asinaban os álbumes que os directivos do club entregaron aos cativos asistentes, xunto a algúns cromos. Quen aínda non os teña pode conseguilos nos quioscos e librarías do Barco, así como en noutros establecementos colaboradores do Centro de Deportes Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button