En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Barco suma a segunda vitoria da tempada

Os vermellos vencían 2-1 ao Bergantiños no partido disputado en Calabagueiros na tarde do 22 de setembro

 

Dous de dous. Segundo partido consecutivo do C.D. Barco en casa e segunda vitoria da tempada para os vermellos. Con menos afluenza de público en Calabagueiros que noutras ocasións, quizais debido á vendima que está en plena campaña, disputábase, na tarde do 22 de setembro, o partido da 5ª xornada de liga en terceira división. Dun lado do campo o C.D. Barco de Manolo Pérez saltaba ao terreo de xogo despois da vitoria da pasada xornada nese mesmo campo (3-0) ante o Somozas. Do outro, o Bergantiños C.F. tamén viña de ganar, no seu caso pola mínima, en casa contra o Compostela.

Tralo pitido inicial do colexiado, comezaba o partido co equipo visitante lucindo a segunda equipación do Barco debido ao parecido das equipacións principais de ámbolos dous conxuntos, e ningún dos dous lograba traspasar a portería rival, chegando ao descanso co 0-0 no marcador.

 

Os xogadores do Barco celebrando o gol.

 

Habería que esperar ata o minuto 58, xa na segunda parte, para que O Barco sumase o primeiro tanto grazas ao penalti transformado por David Álvarez. Seis minutos máis tarde Javier Rodríguez volvía marcar para os locais, aínda que no minuto 72 Álex recurtaba distancias, poñendo o 2-1 que xa non se movería.

Con este resultado, o equipo sénior do Centro de Deportes Barco suma 7 puntos en cinco partidos escalando postos ata o sétimo. A vindeira xornada tócalles viaxar ata o sempre difícil campo coruñés do Deportivo Fabril.

 

O público aplaude a vitoria do C.D. Barco en Calabagueiros.

 

Coma sempre, durante o partido o club aproveitou para vender as diferentes camisetas coas que conta o equipo nesta tempada. Unha delas leva impreso o nome de moitos xogadores que pasaron polo club ao longo da súa historia deportiva.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button