DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Rúa pon o broche ao 50 aniversario cunha concurrida festa no pavillón

Trala presentación dos diferentes equipos en competición proxectaron un vídeo e celebraron un xantar

 

En marzo de 1969 o C.D. Rúa convertíase no primeiro equipo valdeorrés inscrito na liga provincial de modestos, da man dun grupo de afeccionados ao fútbol dispostos a levar ao equipo por toda a provincia.

Cincuenta anos máis tarde, as novas xeracións foron substituíndo ás vellas glorias dese mítico club, mantendo a mesma esencia pero cun plantexamento diferente, apostaron fortemente pola xente da zona, que non cobra por xogar, e pola base, con varios equipos en competición. Sénior, cadete, infantil, alevín (A e B), benxamín e prebenxamín. Son as categorías nas que compite esta tempada o C.D. Rúa. E nelas, máis dun cento de cativos que por terceiro ano consecutivo eran oficialmente presentados no pavillón Vitorino Núñez da Rúa nunha xornada de festa para o fútbol que poñía o broche á celebración do 50 aniversario do club amarelo e azu, a piques xa de rematar o ano.

 

 

Na mañá do 7 de decembro, en plena ponte da Constitución, a Área Recreativa O Aguillón acollía así unha gran festa popular coa #MareaAmarela como protagonista. Xa de boa mañá se ían achegando ao campo Vicente Solarat Maceda os directivos e adestradores do club. Despois chegaban os cativos e os familiares e xa en torno á unha, despois da foto oficial nas escaleiras do pavillón deportivo, tiña lugar a presentación oficial dos sete equipos que compiten este ano por toda a provincia. Cos familiares nas bancadas, os xogadores do equipo sénior facíanlle o pasillo aos cadetes de despois, todos xuntos recibían ao resto da base, dende os infantís ata os máis pequeniños, os prebenxamíns.

O xantar estaban previsto para as 14:30 horas e mentres chegaba a hora, os cativos saltaron e brincaron nos inchábeis instalados para a ocasión. A festa incluía ademais a presentación dun vídeo que repasaba en imaxes os 50 anos do club amarelo, o sorteo dun porco e mesmo baile amenizado pola Disco-Móbil Danzalia.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button