DeportesGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

O C.D. Rúa súmase á carreira contra o cancro de páncreas que se celebrará en Vilamartín

O equipo sénior lucía as camisetas moradas antes do partido de liga ante o Amoeiro

O domingo 25 de novembro, Vilamartín de Valdeorras acollerá unha das “Carreiras das cidades contra o cancro de páncreas”, promovida por un grupo de valdeorresas.

Trátase dunha proba que xa se ten levado a cabo noutras cidades como Las Rozas, Alacante, Terrassa, Roma ou Milán. A saída da andaina en Vilamartín será ás 10:30 horas e a da carreira será ás 11:30 horas, ambas desde o CEIP Xosé Manuel Folla Respino. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custo de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil. Os interesados poden facelo a través da páxina www.carreirasgalegas.com ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba. Asemade, todas aquelas persoas que non participen na proba poden colaborar con esta causa a través do Dorsal 0 en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila 0.

Co fin de animar á xente a participar, algúns deportistas valdeorreses poñían o seu gran de area apoiando esta bonita e necesaria iniciativa. O sábado, o Pizarras Tres Cuñados F.S. saía á cancha do pavillón de Calabagueiros cambiando a súa habitual indumentaria branca pola camiseta morada, cor identificativa da carreira. E o domingo, 18 de novembro, era o equipo sénior do C.D. Rúa quen saía ao terreo de xogo coas debanditas camisetas. Especialmente sensibles con esta enfermidade, membros do plantel sufriron no seu entorno directo a perda dun familiar por mor do cancro de páncreas.

E tralo xesto solidario, desenvolvíase o partido de liga en segunda autonómica que enfrontaba aos rueses co equipo de Amoeiro. Tras unha primeira parte sen goles, a segunda comezaba mal para os locais que perdían ao porteiro (expulsado por tocar o balón co brazo fóra da área) e un gol do Amoeiro no minuto 55. Os amarelos respondían co gol de Armando no 82′ e xa en tempo de desconto, Makay poñía o 2-1 ao transformar un penalti.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button