DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Trives comeza a segunda volta cunha gran vitoria en casa

Os rapaces de David Pérez vencían 3-1 ao Velle no partido disputado no campo do Agro na tade do 12 de xaneiro

 

Con dúas boas novas comezaba o ano o C.D. Trives. A primeira, anunciada polo club hai uns días é o regreso ao conxunto trivés de Marconi. A segunda, as dúas vitorias conseguidas no que vai de mes.

 

Marconi no partido ante o Velle no campo trivés do Agro.

 

Despois do parón navideño, os rapaces de David Pérez regresaban á competición ligueira na tarde do 4 de xaneiro para disputar o partido ante o Rocas aprazado a mediados de decembo por mor do temporal. Un partido que vencían pola mínima e que adicaban ao xogador Juanmi que está pasando uns días no hospital “os 3 puntos van por ti e queremos que te recuperes prontiño e volvas estar connosco”, aseguran dende o club.

 

Celebrando a vitoria ante o C.D. Velle.

 

Unha semana máis tarde, xa de forma oficial regresaba a competición ligueira en segunda Galicia, co primeiro partido da segunda volta no campo do Agro ante o C.D. Velle, no que lograban outra importante vitoria. Eran os visitantes os que se adiantaban no marcador no minuto 16, pero o Trives reaccionaba marcando o primeiro no 26′ (tanto de Brando). Xa na segunda parte, Marcos aumentaba a diferencia co segundo gol local no minuto 55, sendo Mauro quen sentenciaba o encontro poñendo o 3-1 final.

 

O pequeno Ángel Rincón Pérez correndo ao redor do campo de fútbol do Agro.

 

Aproveitando a soleada tarde de xaneiro, os afeccionados achegáronse ata o campo de fútbol para desfrutar do partido. Entre eles o pequeno Ángel Rincón Pérez que aproveita cada vez que vai ao campo para dar tantas voltas ao campo como anos ten (agora catro).

Nesta tarde de fútbol tamén se realizaba o sorteo da Cesta de Reis do C.D. Trives. Seguindo a tradición sacáronse 3 números. Se o primeiro non aparece nunha semana pasarán ao segundo número, se ese non aparece nunha semana pasarán ao terceiro, e no caso de que non apareza ningún número volverán facer o sorteo, aínda que tal como explica o presidente do club, Pali, o primeiro número, o 1563, foi vendido en Manolo’s e xa saben a quen corresponde. Só lles falta comprobalo e despois publicarano nas redes sociais do C.D. Trives.

 

Sacando os números para o sorteo da Cesta de Reis do C.D. Trives.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button