DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O C.D. Trives suma tres puntos a costa do Rúa

Co 3-1 remataba o encontro de segunda Galicia disputado na tarde do 13 de outubro no campo do Agro

 

Brando foi sen dúbida o protagonista do partido de fútbol disputado na tarde do 13 de otubro no campo do Agro entre o C.D. Trives e o C.D. Rúa. Polo menos en canto aos goles xa que del foron os tres que lle deron a vitoria ao conxunto local.

Ás cinco da tarde comezaba un partido que non gustou ao técnico do Trives. “Foi un encontro feo por parte dos dous equipos. Ningún foi dominador do balón”, asegura David Pérez, recoñecendo que a expulsión de Óscar (C.D. Rúa) na primeira parte, deulles un plus, aínda que tamén a eles lles expulsaron a Roberto a dez minutos de finalizar o encontro.

 

Plantel do C.D. Trives.

 

Con todo, eran os rueses os que se adiantaban no marcador co gol de Miguel no minuto 23 ao que o Trives respondía co primeiro gol de Brando xa no 32′. Dez minutos máis tarde, Brando volvía marcar, desta volta ao transformar un penalti. O terceiro gol do Trives, que sentenciaría o encontro co 3-1, chegaba no minuto 73, xa na segunda metade, de novo da bota de Brando.

 

Xogada do equipo local.

 

Celebrando un dos goles do Trives.

 

Visto o visto no campo trivés do Agro, “por xogo, o empate tería sido o máis xusto pero por ocasións merecimos a vitoria”, sentencia David, tralo partido que reunía a numerosos afeccionados de ambos equipos que malia o tempo desapacible desfrutaron dunha tarde de fútbol e bo ambiente.

Con este resultado o C.D. Rúa sitúase no 8º posto da clasificación á espera do partido ante o Rocas C.F. no Vicente Solarat Maceda. O C.D. Trives é 10º, coa vista posta na seguinte xornada en Santa Cruz de Arrabaldo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button